La Macana representa esta fin de semana na Coruña, Carballo e Santiago o espectáculo coproducido coa Agadic 'Invisible Wires'

  A compañía galega de danza chega a Galicia coa creación do coreógrafo cubano Julio César Iglesias Ungo que foi estreada o pasado 11 de marzo no Tanzhaus de Düsseldorf

  A primeira función será o venres 1 no Teatro Rosalía Castro da Coruña para inaugurar o ciclo TRC Danza, no que tamén colabora a Consellería de Cultura e Educación

La Macana representa esta fin de semana na Coruña, Carballo e Santiago o espectáculo coproducido coa Agadic 'Invisible Wires'
[29/03/2016]
‘Invisible Wires’, o espectáculo internacional de danza da compañía galega La Macana en coprodución coa Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura e Educación, chega esta fin de semana a Galicia despois da súa estrea o pasado 11 de marzo no Tanzhaus de Düsseldorf (Alemaña).

O Teatro Rosalía Castro da Coruña será o primeiro escenario galego que exhibirá a peza o venres 1 de abril, función á que seguirán as programadas no Pazo da Cultura de Carballo (sábado 2) e no Salón Teatro de Santiago de Compostela (domingo 3).
 
Esta representación inaugural foi obxecto hoxe na Coruña dun acto que contou coa participación de Caterina Varela, co-directora de La Macana xunto con Alexis Fernández; ademais do director da Agadic, Jacobo Sutil; do concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento da Coruña, José Manuel Sande; e do director do Teatro Rosalía, Paulo Rodríguez.
 
A cita marca o inicio do ciclo TRC Danza, a programación específica para esta disciplina que manterá ata finais de ano o espazo coruñés, para o que conta tamén coa colaboración da Agadic como recinto escénico asociado á Rede Galega de Teatros e Auditorios. 
 
Co-patrocinadores institucionais
Para a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a participación en ‘Invisible Wires’ como institución co-patrocinadora insírese nas súas accións de promoción e difusión da danza, así como nas destinadas á proxección exterior dos servizos e produtos culturais galegos. Presta, ademais, o seu apoio a esta proposta xunto a outras estruturas e espazos culturais xermánicos como o Kunststiftung NRW, o Theater Pumpenhaus ou o propio Tanzhaus NRW.
 
Así o explicou o director da Agadic na presentación realizada este mediodía, durante a que incidiu nos valores deste novo espectáculo por tratarse dunha iniciativa “que foi quen de situar a danza producida en Galicia no mapa internacional”. “Pensamos que este é un bo xeito de contribuír á proxección exterior da cultura galega máis contemporánea e de facerlles partícipes aos espectadores europeos do noso talento e creatividade”, expresou. 
 
Jacobo Sutil referiuse tamén ao apoio prestado ao ciclo TRC Danza, dentro do que, ademais de La Macana, exhibiranse nos vindeiros meses na Coruña as últimas montaxes coreográficas das compañías galegas AIREnoAR (16 de maio) e Nova Galega de Danza (27 de maio), ademais do espectáculo de Claudia Faci ‘Vida laboral’ (21 de abril), que se representará o 21 de abril como parte da actividade artística das VIII Xornadas sobre a Inclusión Social e a Educación nas Artes Escénicas).
 
A estas primeiras entregas sumarase unha nova carteleira entre setembro e decembro, a meirande parte delas dentro do circuíto Danza a Escena 2016 do Instituto Nacional de las Artes Escénicas y de la Música (INAEM), e que incluirá as accións específicas de promoción para determinados colectivos sociais e profesionais que se levan a cabo a través do proxecto asociado a TRC Danza denominado Programación Expandida.
 
Traxectoria internacional
Con sete anos de vida, La Macana posúe unha ampla traxectoria fóra de Galicia, xa que os seus traballos puideron verse en máis de vinte países. ‘Invisible Wires’ sitúase neste marco de desenvolvemento internacional da compañía, que colabora nesta ocasión con Julio César Iglesias Ungo (coreógrafo cubano afincado en Alemaña) e co compositor belga Niko Kafkenscheid para a música orixinal que é interpretada en directo.
 
Trátase dunha peza para seis bailaríns (Alexis Fernández, Tanja Marin Friojónsdóttir, Niko Hafkenscheid, Janis Heldmann, Jacob Ingram-Dodd e Dymitry Szypura) que conta, ademais, co deseño de iluminación asinado polo galego Afonso Castro.

-Web de La Macana