Os grupos gañadores do certame 'SGAE Galicia Creativa' protagonizan unha xira de nove concertos en Santiago, Ourense e Madrid

  Buxeiro Trío en jazz, Ramos en pop-rock e Prímula en tradicional-folk son os vencedores da primeira edición deste concurso, organizado pola Fundación SGAE en colaboración coa Agadic

  O obxectivo desta iniciativa, que inclúe a edición de cadanseu disco para as tres bandas, é impulsar o desenvolvemento das carreiras de músicos emerxentes

Os grupos gañadores do certame 'SGAE Galicia Creativa' protagonizan unha xira de nove concertos en Santiago, Ourense e Madrid
[31/03/2016]
Buxeiro Trío, Ramos e Prímula son os grupos gañadores do certame ‘SGAE Galicia Creativa’, como resultado do que cada un deles ofrecerá tres concertos en Santiago, Ourense e Madrid. SGAE conta coa colaboración da Agadic nesta iniciativa, que incluíu tamén o apoio na gravación de cadanseu disco para as tres bandas editado por Inquedanzas Sonoras.

Esta carteleira de concertos foi presentada hoxe en Santiago polo director da Agadic, Jacobo Sutil, xunto cos representantes dos proxectos musicais seleccionados polo xurado: Álvaro Buxeiro, de Buxeiro Trío, vencedor na categoría de jazz; Juan José Ramos, na de pop-rock; e Cibrán Seixo, de Prímula, na de tradicional-folk.
 
Novos talentos
Tal e como sinalou Jacobo Sutil na súa intervención, co apoio da Consellería de Cultura e Educación a esta iniciativa búscase contribuír ao “desenvolvemento do talento musical galego e dos grupos e solistas emerxentes que loitan por se facer un oco no difícil mercado actual”.
 
O director da Agadic incidiu na relevancia da incorporación de novos valores á nosa industria musical para garantir o seu avance e actualización. “É neste punto –engadiu– onde radica a importancia de ‘SGAE Galicia Creativa’ porque presta as ferramentas adecuadas para identificar algúns deses novos talentos musicais galegos, aos que lles achega un sistema de titorías, unhas primeiras gravacións discográficas e unha serie de concertos para facilitar o seu encontro ao vivo co público”.
 
Primeiro concerto esta noite
A xira de Galicia Creativa arranca ás 21.00 horas desta mesma noite co concerto que Buxeiro Trío protagonizará na sede da Fundación SGAE en Santiago de Compostela. As súas próximas citas dentro deste programa serán na sala Manuel de Falla da SGAE en Madrid o 20 de abril e no Festival de Jazz de Ourense o 21 de maio.
 
Pola súa banda, Ramos –proxecto musical de Juan José Ramos– presentarase en Santiago o 4 de abril, en Madrid o 18 dese mesmo mes e en Ourense o 29 de xuño, mentres que Prímula ofrecerá as súas tres actuacións no mes de abril, durante o que tocará en Santiago o día 15, en Madrid o día 19 e en Ourense o día 30.
 
Os nove concertos de ‘SGAE Galicia Creativa’ son de acceso libre para o público ata completar a capacidade.