Comezan no Porto os ensaios de 'O mundo persistente', espectáculo dirixido polo galego Tito Asorey dentro do Proxecto Nós

  Trátase da segunda montaxe producida no marco desta rede de intercambio teatral, da que forman parte o CDG e a ESAD de Galicia xunto cos teatros portugueses D. Maria II e o São João e as escolas superiores ESTC de Lisboa e ESMAE do Porto

  O ourensán Fernando Epelde é o autor desta obra, que interpretará un elenco de artistas novos de ambos os países no que figuran os galegos Tamara Urbano e Germán Álvarez

  O Salón Teatro de Santiago acollerá a última fase da produción e a estrea o 1 de xuño

Comezan no Porto os ensaios de 'O mundo persistente', espectáculo dirixido polo galego Tito Asorey dentro do Proxecto Nós
[05/04/2016]
O espectáculo ‘O mundo persistente’, que estes días comeza o seu primeiro período de ensaios no Porto, é a nova proposta xurdida ao abeiro do ‘Proxecto NÓS Territorio (es)Cénico Portugal Galicia’, rede de intercambio teatral co país veciño na que a Consellería de Cultura e Educación participa a través do CDG e a ESAD.

O galego Tito Asorey, de IlMaquinario Teatro, asume a dirección desta montaxe a partir dunha obra escrita polo tamén galego Fernando Epelde, para a que conta cun equipo integrado por novos artistas e técnicos de ambos os países. Nel, a representación galega está integrada por Tamara Urbano e Germán Álvarez como parte do elenco interpretativo, José Manuel Faro na iluminación e Javier Lojo como axudante de dirección.
 
Escolas e centros de produción
Se a produción en 2015 de ‘Bilingue/Bilingüe’ –espectáculo inaugural desta iniciativa– estivo coordinada desde Portugal, desta volta é o Centro Dramático Galego o que lidera a posta en marcha deste segundo título do Proxecto Nós. Pola banda portuguesa, están implicadas as escolas superiores de Teatro e Cinema (ESTC) de Lisboa e de Música, Artes e Espectáculo (ESMAE) do Porto, así como os os teatros nacionais D. Maria II e São João.
 
Precisamente unha das sedes do São João no Porto, o Teatro Carlos Alberto (TeCA), acolle durante todo este mes de abril a primeira fase dos ensaios de ‘O mundo persistente’, que en maio se trasladarán á ESAD de Vigo para rematar o seu período de produción no Salón Teatro de Santiago, onde a estrea terá lugar o 1 de xuño.
 
Relacións virtuais
‘O mundo persistente’ é un termo empregado no ámbito dos videoxogos para nomear os universos virtuais que sobreviven en ausencia do xogador. De aí que este sexa o título escollido por Fernando Epelde para abordar a vida duns mozos que adoitan falar sempre a través das pantallas, sen compartir espazos físicos, e para os que ese mundo virtual supón a única alternativa interesante a unha realidade obsoleta e superada.
 
O obxectivo do ‘Proxecto NÓS Territorio (es)Cénico Portugal Galicia’ é desenvolver unha rede de circulación de artistas novos –formados nas tres escolas participantes– nun contorno de traballo profesional, que incida, ao tempo, no impulso das relacións entre as escenas de Galicia e Portugal, ámbito de traballo que a Consellería de Cultura e Educación leva a cabo a través do Centro Dramático Galego.