O Centro Coreográfico colabora coa Sinfónica de Galicia e con BalletNorte na montaxe de 'Don Quixote' con estudantes de danza

  O Pazo da Ópera da Coruña acolle esta semana funcións para escolares e para público xeral da obra coreográfica de Marius Petipa baseada na novela de Miguel de Cervantes

  Participan alumnos e alumnas do Conservatorio Profesional de Danza de Lugo, do da Deputación da Coruña, da Escola Municipal de Danza de Oleiros, da escola de danza de Arteixo e da escola coruñesa Druída

O Centro Coreográfico colabora coa Sinfónica de Galicia e con BalletNorte na montaxe de 'Don Quixote' con estudantes de danza
[07/04/2016]
O Centro Coreográfico Galego (CCG) colabora coa Orquestra Sinfónica de Galicia (OSG) e coa compañía galega BalletNorte para a posta en escena durante esta semana no Pazo da Ópera da Coruña dunha adaptación do ballet ‘Don Quixote’ coa participación de alumnos e alumnas de cinco centros galegos de ensino de danza.

O escenario coruñés acollerá mañá venres día 8 (20.00 horas) e o sábado 9 (18.00 h) dúas representacións para público xeral da versión desta obra coreográfica de Marius Petipa con música de Ludwig Minkus, baseada no capítulo décimo noveno do segundo libro de ‘El ingenioso hidalgo Don Quijote de La Mancha’, de Miguel de Cervantes. As localidades para asistir ao espectáculo están á venda en liña en entradas.abanca.es cos prezos de 5 euros para adultos e de 2 euros para rapaces.
 
Ademais, desde onte celébranse funcións didácticas diarias dentro do programa formativo da OSG, ás que están a acudir como público máis de 8.000 escolares con idades comprendidas entre os 6 e os 16 anos, procedentes de distintos centros de ensino da provincia. Tamén está prevista unha próxima actuación en Lugo o 26 de abril.
 
Literatura, música e danza
Literatura, música e danza únense neste ‘Don Quixote’ no ano no que se cumpre o cuarto centenario da morte do escritor. Para esta coprodución, Ballet Norte achega o corpo de baile de dez profesionais que encarnan os papeis principais da peza. Xunto con este elenco, comparten o escenario trinta estudantes de danza dos conservatorios profesionais de danza de Lugo e da Deputación da Coruña, da escola coruñesa Druída e das municipais de Arteixo e de Oleiros.
 
Pola súa banda, o Centro Coreográfico Galego prestou asesoramento para a adaptación do ballet, así como materiais de ‘atrezzo’ e vestiario utilizados na posta en escena, facilitou o pianista repetidor e traballou sobre algunhas variacións cos profesores Marta García e Orlando Salgado, especialistas en danza clásica e no repertorio de ‘Don Quixote’, cando estes impartiron un taller o pasado mes de marzo na sede da compañía.
 
A unidade de produción de danza da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria participa con este proxecto nos obxectivos comúns de captación de futuros públicos para a danza, de contribución á motivación dos estudantes galegos que están a cursar esta disciplina e de establecemento dun diálogo entre a comunidade escolar e o mundo da danza, ao tempo que se intenta implicar a potenciais espectadores de todas as idades e ámbitos culturais.
 
Incrementar o interese na danza, non só como actividade artística, senón como actividade lúdica, educativa e terapéutica é outra das finalidades desta iniciativa. Neste sentido, ‘Don Quixote’ retoma proxectos similares promovidos con anterioridade polo CCG e a OSG, tales como ‘O quebranoces’ en 2014 ou ‘A bela adormecida’ en 2015.

[Foto: Manuel Lemos]