O Grove incorpórase ao circuíto da Xunta 'Cinemas de Galicia' cunha carteleira de 10 películas

  ‘A praia dos afogados’ abre esta programación o día 16 na Casa da Cultura Manuel Lueiro Rey, na que se desenvolverá ata xuño para continuar na carpa multiúsos da praza do Corgo a partir de outubro

  O municipio pontevedrés é un dos 10 integrantes desta rede que xestiona a Agadic para lles achegar o cinema en pantalla grande aos espectadores de localidades sen salas comerciais

O Grove incorpórase ao circuíto da Xunta 'Cinemas de Galicia' cunha carteleira de 10 películas
[07/04/2016]
O concello do Grove incorpórase a partir deste mes ao programa ‘Cinemas de Galicia’ como un dos 10 concellos asociados a esta rede de exhibición cinematográfica, que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria xestiona a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) en localidades sen salas comerciais.
A Casa da Cultura Manuel Lueiro Rey e a carpa multiúsos da praza do Corgo acollerán a primeira programación de 10 películas –nove delas con participación galega na produción– que o concello pontevedrés ofrece en 2016 como parte deste circuíto. O alcalde José Antonio Cacabelos, o director da Agadic, Jacobo Sutil; a concelleira de Cultura, Emma Torres; e o técnico de Normalización Lingüística, Arximiro Fernández, presentaron hoxe esta carteleira, que arranca o vindeiro día 16 con ‘A praia dos afogados’, filme galego dirixido por Gerardo Herrero.
 
Seguiranlle as proxeccións de ‘A tropa de trapo na selva do arco da vella’, de Álex Colls (30 de abril); ‘A cicatriz branca’, de Margarita Ledo (7 de maio); ‘Os fenómenos’, de Alfonso Zarauza (21 de maio), e ‘O noso último verán en Escocia’, de Andy Hamilton e Guy Jenkin (4 de xuño). Estes primeiros cinco filmes exhibiranse na Casa da Cultura Manuel Lueiro Rey, en tanto que a carpa instalada na praza do Corgo acollerá o resto da programación, que se desenvolverá de outubro a novembro.
 
Neste segundo período de proxeccións, poderanse ver no Grove as fitas ‘9 ondas’, de Simone Saibene (2 de outubro), ‘Maimiño e o espello máxico’, de Ernesto Padrón (23 de outubro); ‘Arraianos’, de Eloy Enciso (30 de outubro); ‘Encallados’, de Alfonso Zarauza’ (6 de novembro); e ‘Meigallos’, de Virginia Curiá (20 de novembro).
 
Consolidación do proxecto
Como explicou o director da Agadic nesta presentación, ‘Cinemas de Galicia’ é un proxecto impulsado pola Xunta de Galicia en colaboración coas administracións locais, coas produtoras galegas e coas empresas distribuidoras, que camiña cara á súa consolidación coa ampliación en 2016 a 10 concellos. Así, xunto co Grove, este ano Allariz, Cariño, Cedeira e Celanova sumáronse tamén a esta rede, na que repiten Ortigueira, Foz, As Pontes, O Carballiño e Verín.
 
Nesta terceira edición, Cinemas de Galicia mantén o mesmo dobre obxectivo co que botou a andar como experiencia piloto en 2014: incrementar o número de salas cinematográficas da Comunidade e ofrecerlles novas posibilidades de distribución aos filmes galegos que se atopan en fase de explotación comercial. Ao tempo, o circuíto contribúe a fomentar o hábito de ver cinema en pantalla grande, funcionando como complemento á actual oferta das salas comerciais, así como ao labor de difusión e de creación de públicos que tamén desenvolven os diferentes cineclubes galegos.
 
Iniciativa necesaria
En palabras de Jacobo Sutil, ‘Cinemas de Galicia’ é “unha iniciativa necesaria coa que se contribúe á promoción das obras galegas no noso territorio xunto con outros títulos nacionais e internacionais avalados por festivais e premios”. “Pretendemos, deste xeito, un achegamento do público ao cine como manifestación cultural e, ao mesmo tempo, unha percepción do audiovisual feito en Galicia contextualizado dentro das restantes cinematografías do mundo, ademais de recuperar o hábito de ver cinema na gran pantalla”, engadiu.
 
Os programadores dos 10 municipios participantes foron os encargados de compoñer cada programación local, a partir dunha nova versión do catálogo de películas dispoñibles confeccionado pola Agadic e coa condición de dedicarlle ao cinema galego cando menos a metade da súa selección. A oferta deste ano conta cun total de 37 títulos: 29 producións con participación galega e oito destacados filmes do actual panorama cinematográfico español e europeo.
 
A programación actualizada, o catálogo de 2016 e as fichas das películas están dispoñibles para a súa consulta no web www.agadic.gal/cinemasdegalicia.