O Festival Internacional de Documentais Play-Doc de Tui celebra a súa duodécima edición do 13 ao 17 de abril con 45 filmes en cartel

  Dedícalle unha retrospectiva ao cineasta afroamericano Charles Burnett, ademais de estrear en España a película perdida de Les Blank sobre o cantautor Leon Russell

  Hoxe presentouse esta nova programación, na que a selección galega se amplía a dez títulos, mentres que a sección da crítica se converte en competitiva e a oficial presenta varias fitas premiadas en mostras internacionais

O Festival Internacional de Documentais Play-Doc de Tui celebra a súa duodécima edición do 13 ao 17 de abril con 45 filmes en cartel
[08/04/2016]
O festival Play-Doc de Tui presentou hoxe a programación da súa duodécima edición, que se desenvolverá do 13 ao 17 de abril con 45 filmes en cartel. A retrospectiva sobre o cineasta afroamericano Charles Burnett e a estrea do filme perdido do estadounidense Les Blank sobre o cantautor Leon Russell son algunhas das citas destacadas.

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, participou nesta presentación xunto ao alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro; o deputado provincial de Cultura da Deputación de Pontevedra, Xosé Leal; e os directores do festival, Sara García e Ángel Sánchez. Na súa intervención, lembrou que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén colaborando regularmente co Play-Doc, que nos dous últimos anos ten sido beneficiario das subvencións da Agadic a festivais audiovisuais.
 
Jacobo Sutil asegurou que este tipo de encontros son unha parte indispensable para o avance do audiovisual en Galicia nos seus obxectivos de difusión artística, incentivo profesional, intercambio creativo e formación de públicos. Respecto ao Play-Doc, o director da Agadic subliñou que a súa especialización no xénero documental e a súa rigorosa traxectoria nos pasados 11 anos, o sitúan nun lugar destacado entre a nómina de festivais cinematográficos que se celebran cada ano en Galicia. “Conta, así mesmo, co importante valor engadido de asociar o nome de Tui como a súa sede estable e de incidir na dinamización cultural e económica do municipio”, engadiu.
 
Retrospectivas e ciclos
Como en anos anteriores, dous dos eixos principais da programación serán as retrospectivas que o festival lle dedica a destacadas figuras internacionais do xénero documental. Neste caso, a Charles Burnett, autor de culto por ‘Killer of Sheep’ (1977) -na imaxe- , do que tamén se presentará a primeira monografía que se publica sobre a súa obra; e a Les Blank, con varios dos seus documentais sobre o folk estadounidense, entre os que se inclúe a fita inédita de 1974 ‘A Poem is a Naked Person’ sobre o cantautor Leon Russell.
 
Tal e como adiantou o director da Agadic, Charles Burnett será tamén obxecto dun programa especial que terá lugar do 19 ao 21 de abril na sede do Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) na Coruña grazas á colaboración entre a filmoteca galega e o festival.
 
Súmanse a estes monográficos varios ciclos complementarios, como os centrados no cine afroamericano recente e na vangarda iugoslava dos anos sesenta e setenta. Ademais, a sección oficial presentará numerosos títulos premiados en prestixiosas citas internacionais, mentres que a da crítica –Resonancias– se volve competitiva e aumenta o número de fitas respecto á edición anterior. No que respecta ao apartado formativo, o cineasta Paulino Viota será o encargado de impartir o seminario sobre crítica, ademais de presentar o seu filme ‘Contactos’, de 1970.
 
Dez filmes na selección galega
En canto á selección galega, este ano amplíanse a dez os títulos en cartel, entre os que se inclúe a estrea en España da curtametraxe ‘Tout le monde aime le bord de la mer’, de Keina Espiñeira, quen logrou unha mención especial no festival de Rotterdam pola que é finalista dos Premios do Cine Europeo, ademais de ser seleccionada como parte do novo catálogo ‘Shorts from Galicia’, editado pola Agadic.
 
Tamén a música terá protagonismo nesta duodécima edición do festival de Tui a través do programa ‘Play-Doc Live!’, que ofrecerá os concertos de Da Chick e Youthless en colaboración co festival Sinsal.

-Web do Play-Doc