O Centro Coreográfico Galego seleccionará oito bailaríns e bailarinas para montar o ballet 'As catro estacións'

  O departamento de Produción Coreográfica da Agadic representará un espectáculo sobre a composición de Antonio Vivaldi para a actual temporada de 2016

  Segundo se especifica nas bases, as probas constarán da execución dunha clase de danza clásica e dunha variación clásica ou contemporánea

O Centro Coreográfico Galego seleccionará oito bailaríns e bailarinas para montar o ballet 'As catro estacións'
[11/04/2016]
A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) publicou hoxe as bases que rexerán o proceso para a selección dos oito bailaríns e bailarinas que formarán o corpo de baile do ballet ‘As catro estacións’, a próxima produción que levará a cabo o Centro Coreográfico Galego a partir da obra de Antonio Vivaldi.

Segundo establece a convocatoria, os interesados/as en concorrer a estas audicións teñen de prazo ata o 28 de abril para remitir ou presentar as súas solicitudes, de acordo co modelo normalizado dispoñible no web da Agadic. Os aspirantes que reúnan os requirimentos esixidos serán convocados ás probas que se levarán a cabo na sede que o Centro Coreográfico Galego ocupa no coruñés Complexo Deportivo de Elviña.

Estas probas constarán de dúas fases e poderán supoñer unha puntuación máxima de 50 puntos: valoración de currículo profesional atendendo a criterios de idoneidade e experiencia na danza (ata 20 puntos) e proba de interpretación (ata 30 puntos). Á súa vez, a proba de interpretación consistirá en dúas partes, que se desenvolverán preferiblemente no mesmo día. A primeira delas será a execución dunha clase de danza clásica dunha hora e media de duración. Terá carácter eliminatorio e nela valoraranse aspectos como a calidade artística, técnica de puntas e técnica de paso a dous. Os 16 aspirantes que obteñan a mellor puntuación continuarán co proceso selectivo, no que deberán desenvolver un fragmento dunha peza da autoría dun dos coreógrafos invitados ou, no seu defecto, unha variación clásica ou contemporánea, nun tempo máximo de tres minutos. A cualificación final virá determinada pola suma das puntuacións acadadas nas dúas fases.

Os bailaríns escollidos poderán formalizar un contrato de traballo sometido á lexislación que regula a relación laboral especial dos artistas en espectáculos públicos. Cos candidatos/as que non resulten seleccionados formarase unha listaxe diferenciada por sexos, que se utilizará para eventuais substitucións por renuncias ou baixas dos titulares, respectándose a orde de puntuación acadada nas probas de selección.

-Bases completas e formulario de inscrición