A comedia negra 'A forma das cousas' represéntase esta fin de semana con dúas funcións no Salón Teatro de Santiago

  Sara Casasnovas, Borja Fernández, Victoria Pérez e Machi Salgado conforman o elenco deste espectáculo producido por La Yogurtera con subvención da Agadic e dirixido por Carlos Álvarez-Ossorio, quen adapta o texto do dramaturgo Neil LaBute

  A obra céntrase, a través do humor e a ironía, nas relacións persoais entre catro personaxes influídos polas aparencias e a necesidade de encaixar nunha sociedade que prima o superfluo

A comedia negra 'A forma das cousas' represéntase esta fin de semana con dúas funcións no Salón Teatro de Santiago
[14/04/2016]
‘A forma das cousas’, a primeira comedia teatral da produtora La Yogurtera SL, con dirección e adaptación de Carlos Álvarez-Ossorio sobre o texto do estadounidense Neil Labute, chega ao Salón Teatro de Santiago esta fin de semana con dúas funcións: o sábado, 16 de abril, ás 20.30 horas e o domingo, ás 18.00 horas.

A montaxe, que contou cunha subvención á produción escénica da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria é unha comedia negra que pescuda ao redor dos límites do amor, da arte contemporánea e das aparencias. ‘A forma das cousas’ desenvolve unha trama ao redor de catro personaxes que se ven envoltos nunha serie de accións nas que a manipulación afecta as relacións interpersoais, a amizade e mesmo a evolución humana.

O Salón Teatro acolleu esta mañá a presentación do espectáculo, na que participaron Fefa Noia, directora do Centro Dramático Galego, a produtora Marta Horjales e os actores do elenco ao completo: Sara Casasnovas, Borja Fernández, Victoria Pérez e Machi Salgado.

O equipo artístico que sobe ao escenariocomplétase co pianista e compositor Pablo Seoane, un auténtico referente no panorama musical galego, que interpreta a música en directo en cada representación. Tamén destaca o labor do escenógrafo Suso Montero, con longa e premiada traxectoria en teatro, cine e televisión.
 
Humor afiado
Trátase dunha obra que interpela directamente o público ao reflectir circunstancias habituais da vida e que formula preguntas que máis tarde ou máis cedo todos debemos responder sobre o amor, a vida e a evolución persoal. Dese xeito, a montaxe reflicte a través dun humor afiado e cheo de ironía unha sociedade na que as aparencias superan calquera outra consideración e na que a proxección do que desexaríamos ser, por riba do que somos, é unha constante para todos.
 
O texto céntrase na parella formada por Evelyn (interpretada por Sara Casasnovas) e Adán (Borja Fernández). Ela é unha iconoclasta e excéntrica estudante de arte entregada por completo á preparación da súa tese de doutoramento. Evelyn entra na vida monótona de Adán, un mozo inseguro e sen sorte no amor. El, que xamais se preocupara pola súa imaxe, está disposto a cambiar a súa vida enteira só por ser aceptado pola rapaza. E todo diante dos ollos perplexos dos amigos de Adán: Fili (Machi Salgado) e Jenny (Victoria Pérez). Ese é o comezo do xogo, das aparencias e das influencias dos uns sobre os outros.
 
Elenco destacado
‘A forma das cousas’reúne deste xeito un elenco formado por intérpretes que, nos últimos anos, destacaron por unha traxectoria ascendente e pola súa participación en proxectos escénicos de gran repercusión. Sara Casasnovas, unha das actrices máis coñecidas no audiovisual –tanto en Galicia coma no Estado–, regresa aos teatros galegos neste 2016. Borja Fernández colabora con formacións creativas como Chévere ou Voadora. Victoria Pérez traballou nas principais series de televisión de Galicia e coas compañías de maior traxectoria, ademais de fomentar a súa faceta de creación coa fundación do grupo escénico Perez&Fernández. E por último, Machi Salgado é un actor coñecido pola súa traxectoria en diversas series e en distintas compañías. Recibiu o premio María Casares ao mellor actor en 2015.
 
Carlos Álvarez-Ossorio encárgase da dirección e da dramaturxia desta obra de Neil LaBute, un dos autores máis prestixiosos da escena americana e considerado o herdeiro natural de David Mamet. Álvarez-Ossorio fundou a súa compañía, Cámara Negra, en 1996 e con ela ten gañado importantes galardóns, como o Premio José Luis Alonso da ADE (Asociación de Directores de Escena de España) en 2006 ou o Premio Telón Chivas 2004.
 
As localidades para asistir a ‘A forma das cousas’ no Salón Teatro están xa á venda na billeteira electrónica entradas.abanca.com; e os días de función estarán dispoñibles na billeteira do Salón Teatro desde dúas horas antes de cada pase.

-Web de La Yogurtera / A Forma das Cousas
-Vídeo promocional do espectáculo