Elefante Elegante presenta en Cerceda 'A danza da choiva', espectáculo que lle achega ao público infantil os efectos do cambio climático

  A montaxe contou co apoio da Consellería de Cultura e Educación a través das subvencións da Agadic á produción escénica galega

  Coa función deste sábado no Auditorio Municipal da localidade coruñesa, a compañía de María Torres e Gonçalo Guerreiro culmina dous meses de residencia artística neste espazo e unha campaña escolar para o alumnado do concello

 Elefante Elegante presenta en Cerceda 'A danza da choiva', espectáculo que lle achega ao público infantil os efectos do cambio climático
[14/04/2016]
O Auditorio Municipal de Cerceda acolle este sábado 16, ás 18.00 h, a primeira función aberta de ‘A danza da choiva’, o novo espectáculo para público infantil e familiar de Elefante Elegante. A montaxe, subvencionada pola Agadic , emprega unha linguaxe visual, corporal e estética para abordar os efectos do cambio climático.

Jacobo Sutil, director da Agadic; Begoña Rodríguez Rumbo, concelleira de Cultura de Cerceda, e María Torres e Gonçalo Guerreiro, actores e codirectores da compañía e do espectáculo, presentaron hoxe esta estrea, coa que Elefante Elegante culmina unha estadía artística de dous meses no Auditorio Municipal desta localidade coruñesa e unha campaña escolar durante a que representaron esta montaxe diante do alumnado de Educación Infantil e primeiro ciclo de Primaria do concello cercedense.
 
Na súa intervención, o director da Agadic incidiu nos bos resultados deste tipo de colaboracións, que favorecen o proceso de produción dos espectáculos escénicos, ao tempo que permiten testar e mellorar o traballo antes de comezar o seu percorrido polos escenarios.
 
En canto á traxectoria de Elefante Elegante, Jacobo Sutil definiuna como unha das máis consolidadas no recente panorama escénico galego a través das coidadas propostas que integran o seu repertorio, tanto para público adulto como infantil, e das que aínda temos a oportunidade de seguir gozando sobre as táboas. ‘Kassa’, ‘Aurora’, ‘Nuncabunga’ ou ‘Iliria’ son algúns dos seus títulos máis destacados, aos que agora se suma ‘A danza da choiva’.
 
Mensaxe social e coidada posta en escena
En palabras do responsable da Agadic, este novo espectáculo reúne moitos elementos para acadar unha boa acollida entre o público. Neste caso, a mensaxe social e cívica sobre como o cambio climático está a transformar a realidade das persoas en moi diferentes lugares do planeta supón un valor engadido á coidada posta en escena coa que Elefante Elegante asina todos os seus traballo deste a súa fundación en 2007. Trátase de espectáculos de teatro visual, sinxeleza narrativa e interpretacións totais nas que priman o xesto e o movemento escénico.
 
María Torres e Gonçalo Guerreiro son os autores, directores e intérpretes de ‘A danza da choiva’, para a que contan coa música de Mano Panforreteiro, as coreografías de Ánxela Blanco, o vestiario de Marcia Atelier Efímero, as marionetas de Os Monicreques de Kukas e a iluminación de Dani Pais.

[Imaxe: Cafecongotas Producións]

-Web de Elefante Elegante