Vigo acolle a preestrea de 'Toro', coprodución de Zircozine subvencionada pola Agadic

  A nova película de Kike Maíllo, protagonizada por Luis Tosar e Mario Casas, abrirá o vindeiro día 22 o Festival de Cine Español de Málaga

  A longametraxe, na que participou unha ampla nómina de profesionais galegos, rodouse en distintas localizacións da cidade olívica, así como de Cerceda, Pontevedra e Ourense

Vigo acolle a preestrea de 'Toro', coprodución de Zircozine subvencionada pola Agadic
[14/04/2016]
Os Cines Gran Vía de Vigo acollen esta noite a preestrea do filme ‘Toro’, coproducido pola compañía compostelá Zircozine e subvencionado pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria cunha achega de 240.000 euros a través da convocatoria de axudas da Agadic á produción e á coprodución audiovisual.

O conselleiro Román Rodríguez e o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, asistirán a este pase especial da película do realizador Kike Maíllo, que foi seleccionada ademais para abrir a o Festival de Cine Español de Málaga na gala inaugural que terá lugar o vindeiro día 22.
 
Luis Tosar e Mario Casas, protagonistas do filme, presentaron hoxe esta preestrea xunto con Abel Caballero, alcalde de Vigo; Jacobo Sutil, director da Agadic; Ana Laura Iglesias González, concelleira de Festas e Turismo; Farruco Castromán, responsable de Zircozine; e as actrices Ingrid García e Claudia Canal.
 
Tres semanas en Galicia
Varias localidades galegas e andaluzas serviron de escenario para a gravación de ‘Toro’. No caso de Galicia, a rodaxe desenvolveuse durante tres semanas en diferentes localizacións de Vigo, Pontevedra, Ourense e Cerceda. Ademais, gran parte do seu equipo está integrado por recoñecidos profesionais galegos, entre os que –ademais de Tosar e Casas– se atopan Raquel Fidalgo en maquillaxe e perruquería, David Machado en son ou Jorge Bolado en vestiario.
 
O realizador catalán Kike Maíllo, gañador en 2011 do premio Goya á mellor dirección novel por ‘Eva’, a súa anterior película, reúne por vez primeira no cinema a Luis Tosar e Mario Casas como integrantes dun reparto do que tamén forma parte José Sacristán. Os guionistas Rafael Cobos (‘La isla mínima’) e Fernando Navarro (‘Anacleto, agente secreto’) asinan este thriller de acción que transcorre durante 48 frenéticas horas. Nel, a parella de actores galegos interpreta dous irmáns que se reencontran despois de cinco anos e que se ven inmersos nunha serie de sucesos provocados por vellas feridas aínda sen cicatrizar.
 
Zircozine, que coproduce esta longametraxe xunto a Apaches Enterteinmet, Atresmedia Cine, Escándalo Films, Maestranza Films, Ran Entertainment e Telefónica, suma á subvención da Agadic a colaboración de Televisión de Galicia e de Canal Sur.

-Toro no web de Zircozine