O Salón Teatro exhibe 11 espectáculos no marco da XVII Mostra de Teatro Universitario de Galicia

  O programa esténdese ata o 1 de maio con funcións diarias de entrada gratuíta, previo paso polo despacho de billetes

  A obra inaugural será ‘Des-Enlace’, da compañía TikTak da USC, escrita e dirixida por Gustavo G. Dieste

O Salón Teatro exhibe 11 espectáculos no marco da XVII Mostra de Teatro Universitario de Galicia
[20/04/2016]
O Salón Teatro de Santiago de Compostela acolle a partir de mañá e ata o 1 de maio un total de once espectáculos producidos por distintas compañías que funcionan durante o curso académico nas tres universidades galegas, e que forman parte do programa da XVII Mostra de Teatro Universitario de Galicia.
O espazo compostelán sede do Centro Dramático Galego e dependente da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria exhibirá diariamente as montaxes de diferentes grupos da Universidade de Santiago de Compostela (USC), entidade organizadora do evento, ademais das propostas convidadas das universidades de Vigo e da Coruña.
 
Pola súa banda, o Teatro Principal completará esta carteleira con outros cinco títulos, entre eles ‘O exilio das moscas’, da Escola Superior de Arte Dramática (ESAD), que se representará o sábado 23.  
 
Carteleira diaria
No Salón Teatro, a compañía TikTak da USC será mañá xoves a encargada de abrir a décimo sétima edición desta Mostra coa obra ‘Des-Enlace’, escrita e dirixida por Gustavo G. Dieste, interpretada por Alicia Castelo, Martín Parga, Brais Pedreira, Fran Kanhotas, Clara Rei, Alba Mancebo e Emma Fernández.
 
Nos seguintes días, presentaranse ‘Quérote, ergo sum’, de William Shakespeare con adaptación de Xurxo Barcala, pola compañía Tolemia (venres 22); ‘Límite de entrega’, baseada na obra ‘Deadlines’, de Carlos Herrero, polo grupo La Barata (sábado 23); e ‘Soterradas’, de Félix Álvarez, por Vacaloura Teátrica (domingo 24).
 
A semana próxima terán lugar as funcións de Teatro do Aramio con ‘Alacrán’, de Fran Godón (luns 25); da Aula de Teatro de Teatro Universitaria de Ourense Maricastaña con ‘Demediado’, con dramaturxia de Fernando Dacosta a partir do texto ‘O vizconde demediado’ de Italo Calvino (martes 23); de GN Teatro con ‘Cabaret Salomé’, unha adaptación de Helena Salgueiro sobre a obra de Oscar Wilde (mércores 24); ou da Aula de Teatro NORMAL UDC coa creación colectiva ‘Unha libra de carne. Contra o mercader de Venecia de William Shakespeare’ (xoves 28).
 
A carteleira continuará o venres 29 de abril coa compañía Polaroid, que escenificará ‘A Esmorga’, de Eduardo Blanco Amor; o sábado 30 ARTías Teatro representará ‘Memoria de primavera’, unha adaptación da pedra de Alfredo Sanzol ‘Delicadezas’; e o domingo 1 de maio Pinchacarneiro Teatro pechará o encontro co espectáculo titulado ‘L’, unha obra da propia compañía xunto con David Carrera.
 
Todos os espectáculos exhibidos no Salón Teatro dentro da XVII Mostra de Teatro Universitario de Galicia darán comezo ás 21.00 horas e as entradas son de balde, previo paso polo despacho de billetes, que permanecerá aberto desde as 19.00 horas. Poderanse retirar un máximo de 2 entradas por persoa.

-Cartel completo da Mostra de Teatro Universitario de Galicia 2016