O alumnado do programa 'Cinema en curso' do CGAI comeza a rodaxe das súas películas en Cangas, Becerreá, O Carballiño e Arteixo

  Os cineastas Ángel Santos, Jaione Camborda e Marcos Flórez traballan cos estudantes nas filmacións coas que culminan os seus talleres para esta iniciativa pedagóxica internacional, que en Galicia se integra no Plan Proxecta

  O Centro Galego de Artes da Imaxe proxectará na súa sede da Coruña os catro filmes resultantes nunha sesión especial que terá lugar o 16 de xuño

O alumnado do programa 'Cinema en curso' do CGAI comeza a rodaxe das súas películas en Cangas, Becerreá, O Carballiño e Arteixo
[28/04/2016]
A edición 2015-2016 de ‘Cinema en curso’ entra na súa recta final coa rodaxe das películas por parte dos alumnos dos catro centros educativos galegos que participan neste programa pedagóxico internacional, coordinado en Galicia polo Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) dentro do Plan Proxecta da Consellería de Cultura e Educación.

Culminará así o traballo que os estudantes do CEIP A Rúa de Cangas, CEIP San Xoán de Becerreá, IES Manuel Chamoso Lamas do Carballiño e IES Manuel Murguía de Arteixo veñen desenvolvendo nos seus respectivos talleres cos cineastas galegos Ángel Santos, Jaione Camborda e Marcos Flórez.
 
Primeiro filme de ficción
A primeira das rodaxe é a que inician hoxe os alumnos de 6º de Primaria do CEIP A Rúa de Cangas, centro que durante dous anos consecutivos obtivo o Premio Nacional de Alfabetización Audiovisual do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte polas súas curtametraxes para ‘Cinema en curso’. O director pontevedrés Ángel Santos acompáñaos na gravación da que será a primeira peza de ficción da sección galega deste programa educativo, ata o de agora centrado exclusivamente no documental. Durante o seu taller co realizador de ‘As altas presións’, o grupo de traballo integrado por nenos e nenas de 11 e 12 anos de idade definiron as situacións emocionais que vive o protagonista do seu filme, ademais de planificar a produción da súa rodaxe.
 
A vindeira semana será a quenda para as gravacións dos alumnos de 4º de ESO do IES Chamoso Lamas do Carballiño e de 5º e 6º de Primaria do CEIP San Xoán de Becerreá. Os primeiros están a traballar tamén xunto a Ángel Santos nun documental sobre os antigos camiños dos arrieiros, percorrendo os pobos abandonados polos que transcorrían e falando con algúns dos veciños que se trasladaron a vivir a outras zonas da comarca.
 
Pola súa banda, a cineasta Jaione Camborda –gañadora dun Mestre Mateo en 2015 como guionista de ‘Os fenómenos’ xunto a Alfonso Zarauza– traballa co grupo de Becerreá nunha peza documental sobre Os Ancares, que aborda o tránsito do inverno á primavera neste contorno natural e rural.
 
A última destas catro rodaxes está programada para os días 11 e 12 de maio cos alumnos de 1º de ESO do IES Manuel Murguía de Arteixo que participan no taller do director Marcos Flórez, coautor do proxecto colectivo ‘Volontè’. O desenvolvemento urbanístico do seu concello, así como o seu impacto na paisaxe, é o tema central desta curtametraxe documental.
 
Estrea o 16 de xuño
Os catro filmes serán proxectados nunha sesión especial que terá lugar o 16 de xuño, ás 11.30 horas, na sede do CGAI na Coruña coa asistencia de todos os participantes e colaboradores no programa.
 
‘Cinema en curso’ combina o cinema e a pedagoxía seguindo unha metodoloxía de traballo avalada pola traxectoria desta iniciativa, que botou a andar en 2015 en Cataluña da man da asociación A Bao A Qu e que agora é xa unha experiencia internacional da que tamén forman parte entidades de Madrid, Arxentina e Chile, ademais de Galicia. A través dela, os alumnos descobren a sétima arte co visionado e reflexión sobre películas de todas as épocas e culturas, ao tempo que lles dedican os últimos meses á escrita do guión, planificación, rodaxe e montaxe das súas propias películas.

Nestes enlaces pódose seguir o traballo desenvolvido polos grupos destes catro centros:

-CEIP A Rúa de Cangas
-CEIP San Xoán de Becerreá
-IES Manuel Chamoso Lamas do Carballiño
-IES Manuel Murguía de Arteixo