'As luces de Sargadelos' abre en Bos Aires a carteleira dedicada a documentais galegos dentro do ciclo Galicia en Cine

   ‘A imaxe Reb/velada’, ‘Contra a morte, unha aproximación a Lois Pereiro’ e ‘100% CEF. Unha biografía de Celso Emilio Ferreiro’ completan a sección específica de non ficción que se exhibe no Cine Gaumont do Instituto Nacional de Cine y Artes Audiovisuales de Arxentina

  O ciclo, de 17 películas en total, forma parte da programación organizada pola Xunta de Galicia para a 42ª Feira Internacional do Libro de Bos Aires

'As luces de Sargadelos' abre en Bos Aires a carteleira dedicada a documentais galegos dentro do ciclo Galicia en Cine
[29/04/2016]
‘As luces de Sargadelos’, de Arturo Villacorta, abre hoxe en Bos Aires a sección Galicia en Documental do ciclo Calicia en Cine, a mostra da produción audiovisual galega actual que está a acoller a capital arxentina como parte da programación cultural organizada pola Xunta de Galicia para a 42ª edición da Feira Internacional do Libro.

A historia do que foi o primeiro complexo industrial de Galicia é a primeira fita de non ficción dentro desta escolma que se proxecta no Cine Gaumont do Instituto Nacional de Cine y Artes Audiovisuales de Arxentina (INCAA). A esta obra seguirán mañá ‘A imaxe Reb/velada’, traballo sobre o fotógrafo e debuxante Baldomero Pestana asinado por Andrea Vázquez; ‘Contra a morte, unha aproximación a Lois Pereiro’ o 1 de maio, no que Alexandre Cancelo e Iago Martínez tratan a figura do poeta monfortino; e ‘100% CEF. Unha biografía de Celso Emilio Ferreiro’, documental realizado por Aser Álvarez sobre o autor de Celanova, que pechará esta serie o 2 de maio.
 
Ademais destes catro títulos, que se están a proxectar en sesións matinais, conforman ‘Galicia en cine’ outras 13 longametraxes: ‘Lobos sucios’, de Simón Casal de Miguel, ‘A Esmorga’, de Ignacio Vilar; ‘Arraianos’, de Eloy Enciso; ‘A praia dos afogados’, de Gerardo Herrero; ‘As altas presións’, de Ángel Santos; ‘Inevitable’, de Jorge Algora; ‘Os fenómenos’, de Alfonso Zarauza; ‘No Cow on the Ice’, de Eloy Domínguez Serén; ‘O ouro do tempo’, de Xavier Bermúdez; ‘A árbore magnética’, de Isabel Ayguavives; ‘A cicatriz branca’, de Margarita Ledo Andión; e as películas de animación ‘Maimiño e o o espello máxico’, con dirección de Ernesto Padrón; e ‘Holy Night! Noite... de paz?’, do director Juan Galiñanes.
 
Mediante este programa organizado pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), o público porteño ten a oportunidade de se achegar ao cine que se fai actualmente en Galicia e que está a ser recoñecido con múltiples premios e seleccións en importantes festivais internacionais.

-Cartel de Galicia en Documental
-Programa completo de Galicia en Cine