A Agadic colabora co Marisquiño nas actividades culturais que o festival desenvolverá do 12 ao 14 de agosto en Vigo

  O director da Axencia Galega das Industrias Culturais e o administrador de Ulises Proyect asinaron hoxe un convenio mediante o que a Xunta de Galicia apoia a 16ª edición deste macroencontro de cultura urbana

A Agadic colabora co Marisquiño nas actividades culturais que o festival desenvolverá do 12 ao 14 de agosto en Vigo
[29/04/2016]
A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria volve colaborar coa organización do Festival Arnette O Marisquiño, que celebrará a súa décimo sexta edición en Vigo do 12 ao 14 de agosto co obxectivo de se reafirmar como evento de referencia no ámbito da cultura urbana do sur de Europa.

Jacobo Sutil, director da Agadic, e Carlos Domínguez, administrador de Ulises Poyect Eventos Especiales, empresa promotora do encontro, asinaron esta mañá na Cidade da Cultura un convenio mediante o que a Xunta de Galicia apoia economicamente o desenvolvemento de diferentes actividades culturais como parte deste encontro, que cada ano congrega milleiros de afeccionados e profesionais das distintas disciplinas presentes no seu programa.
 
Marca con personalidade propia
O documento rubricado hoxe define O Marisquiño como unha marca con personalidade propia que lles achega aos seus seguidores unha ampla oferta cultural. Neste sentido, a música volverá ter un gran protagonismo como complemento á programación deportiva, no marco da que o festival repite como sede da World Cup Skateborading, ademais de acoller diferentes probas, premios e exhibicións de BMX, Freeride Mountain Bike, MTB, Motocross, Flatland ou B-Boying, entre outras especialidades.
 
Recoñécese igualmente o esforzo dos organizadores por contar cunha ampla participación nacional e internacional de calidade, así como pola transmisión de valores de xuventude, modernidade, amizade, creatividade e riqueza cultural.
 
O festival desenvólvese no recinto portuario de Vigo, que na pasada edición acolleu máis de 100.000 espectadores durante a celebración de catorce modalidades de deportes urbanos e máis de vinte citas musicais.

-Festival Arnette O Marisquiño