Voadora reestrea 'Calypso' no Salón Teatro de Santiago antes de iniciar unha xira por cinco cidades de toda España

  A compañía compostelá ofrecerá unha función para escolas de teatro mañá, ás 11.30 h, e catro para público xeral o xoves, venres e sábado, ás 20.30 h, e o domingo, ás 18.00 h

  Este espectáculo subvencionado pola Agadic, que supón o regreso de Voadora á creación contemporánea cun texto do premiado dramaturgo ourensán Fernando Epelde, foi seleccionado entre máis de 450 proxectos para se representar na Red Nacional de Teatros Alternativos

Voadora reestrea 'Calypso' no Salón Teatro de Santiago antes de iniciar unha xira por cinco cidades de toda España
[03/05/2016]
A compañía compostelá Voadora ocupa esta semana o escenario do Salón Teatro de Santiago para a reestrea do seu espectáculo ‘Calypso’, co que o vindeiro mes de xuño iniciará unha xira estatal durante a que se representará en Valencia, Santa Cruz de Tenerife, Bilbao, Sevilla e Madrid.

A formación de Marta Pazos, Jose Díaz e Hugo Torres permanecerá na sede do Centro Dramático Galego (CDG) desde mañá e ata o domingo para ofrecer unha función matinal concertada con centros de ensino teatral (mércores 4, 11.30 h) e catro para público xeral (xoves 5, venres 6 e sábado 7, ás 20.30 h, e domingo 8, ás 18.00).
 
Os tres integrantes de Voadora estiveron acompañados hoxe pola directora do CDG, Fefa Noia, para presentarlles aos medios a súa nova proposta, coa que regresan á creación contemporánea tras o éxito da súa versión de ‘A tempestade’ de Shakespeare, e en pleno proceso de produción doutra adaptación do gran clásico británico: ‘Soño dunha noite de verán’.
 
‘Calypso’, para o que Voadora contou co apoio da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) a través da convocatoria de subvencións á produción escénica de 2015, achega por vez primeira ao Salón Teatro un texto de Fernando Epelde. O premiado dramaturgo ourensán é tamén o autor de ‘O mundo persistente’, segunda montaxe do ‘Proxecto NÓS Territorio (es)Cénico Portugal Galicia’, rede de intercambio teatral co país veciño na que participan o Centro Dramático Galego, a Escola Superior de Arte Dramática (ESAD) xunto con outros centros formativos lusos, e que se estreará en Santiago o vindeiro 1 de xuño.
 
A fin dun sistema
En ‘Calypso’, Voadora pon en escena a fin dun sistema, das relacións tal e como as entendiamos ata o momento, da intimidade ou da arte, fronte á perspectiva dun abismo descoñecido ao que a sociedade se asoma con curiosidade. Marta Pazos dirixe esta proposta, que ela mesma interpreta xunto a Jose Díaz e Hugo Torres para dar vida a R, G e B. Ademais das cores que conforman o espectro da nosa realidade, os personaxes protagonistas son aquí tres obreiros encargados de fabricar as contornas do noso mundo antes de que que nos ergamos para velo cada mañá.
 
A compañía compostelá conta para ‘Calypso’ cun equipo artístico entre o que se atopan moitos dos seus colaboradores habituais: Rui Montero na iluminación, José Capela na escenografía, Fany Bello no vestiario e maquillaxe, César Lombera no deseño das máscaras, Gisela Matos na asistencia de dirección e Diego Anido no apoio á creación, entre outras achegas.
 
Nova selección no circuíto de teatros alternativos
Con este espectáculo, que se presentou por vez primeira en público o pasado mes de novembro dentro do mercado Galicia Escena PRO, Voadora repite ademais como unha das compañías seleccionadas pola Red Nacional de Teatros Alternativos. Nesta ocasión, a súa montaxe foi elixida para actuar neste circuíto entre máis de 450 proxectos de toda España. Así, e tras a súa participación o vindeiro mes de xuño no Festival Tercera Setmana de Valencia, ‘Calypso’ regresará á cidade levantina en setembro para continuar desenvolvendo a súa xira estatal ata finais de ano con actuacións en Santa Cruz de Tenerife, Bilbao, Sevilla e Madrid.
 
As entradas para asistir as catro funcións xerais do novo espectáculo de Voadora en Santiago están xa á venda a través da billeteira electrónica entradas.abanca.com e tamén se poderán mercar no despacho de billetes do Salón Teatro a partir do xoves desde dúas horas antes do comezo das representacións. O prezo é de 10 euros de xoves a sábado (cos descontos habituais) e de 5 euros o domingo, Día do Espectador.

-Web de Voadora
-Venda de entradas