Cultura e Educación apoia as edicións de 2016 do certame e concurso de composición da Federación Galega de Bandas de Música Populares

  O convenio asinado hoxe está dotado con 70.000 euros e recoñece o labor de formación e divulgación musical realizado por este colectivo

Cultura e Educación apoia as edicións de 2016 do certame e concurso de composición da Federación Galega de Bandas de Música Populares
[06/05/2016]
O conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez, e o presidente da Federación Galega de Bandas de Música Populares, Armando Morales, asinaron hoxe un convenio polo que ambas entidades colaborarán durante todo o ano para impulsar as actividades deste colectivo, como o Certame Galego de Bandas e o Concurso Galego de Composición.

As dúas iniciativas, que cumprirán en 2016 a súa décima e novena convocatoria, respectivamente, compleméntanse entre elas para amosar e difundir toda a potencialidade interpretativa dos instrumentistas das noventa formacións con máis de 6.200 músicos que integran a Federación na actualidade, ademais de contribuír á configuración dun repertorio musical específico de temática galega.

Así mesmo, o acordo busca apoiar e dar visibilidade ao traballo de formación instrumental e de divulgación musical que realizan en Galicia as bandas de música populares, ao tempo que se lle recoñece ao colectivo o seu labor continuado a prol da cultura musical galega.

Deste xeito o recolle o convenio que, dotado con 70.000 euros, foi rubricado hoxe na Cidade da Cultura de Galicia, sede da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), organismo a través do que se executará o apoio estipulado e que supón, ademais, a continuidade na liña de colaboración emprendida nos últimos anos coa FGBMP.

Para bandas das tres seccións
No vindeiro X Certame Galego de Bandas, que se celebrará no Auditorio de Galicia, en Santiago de Compostela, os días 26 e 27 de novembro de 2016, actuarán 15 agrupacións, que serán escollidas por sorteo público o 10 de xullo entre o total federadas. As bandas seleccionadas serán divididas en tres apartados segundo o número de integrantes: sección primeira (máis de 71 músicos), sección segunda (de 51 a 70 músicos) e sección terceira (ata 50 músicos).

Como novidade, este ano incrementarase o número de prazas dispoñibles de terceira sección, para dar resposta á crecente demanda dos últimos anos de formacións con menor número de integrantes interesadas en participar, e que constitúen o grupo máis numeroso de agrupacións federadas.

No transcurso do certame, as bandas deberán interpretar un pasodobre de presentación e, xa en competición, tres obras obrigadas e outra máis de libre elección. As pezas de execución obrigada son as tres premiadas no concurso de composición de 2015: ‘Sinfonietta das Cantigas’, de José Ignacio Blesa Lull; ‘As Lúas’, de Juan Pérez Berná, e ‘Olimpo dos celtas’, de Santiago Barreira Davila, polo que se asegura así a estrea anual dos títulos.

O prazo de presentación de obras para o IX Concurso Galego de Composición abrirase o 16 de maio e estenderase ata o 16 de setembro. As composicións deberán ser orixinais e inéditas, versar sobre temática galega ou aludir no seu título a aspectos da cultura galega.

O ditame do xurado darase a coñecer o 27 de novembro, coincidindo co acto de clausura do X Certame Galego de Bandas, no que se lles entregarán tamén os diplomas aos compositores premiados.

-Web da Federación Galega de Bandas de Música Populares