O novo cine impresionista de vangarda será o eixo central da sétima edición da mostra (S8), que se desenvolverá na Coruña do 1 ao 5 de xuño

  Este é un dos seis festivais subvencionados este ano pola Agadic a través da súa convocatoria pública de axudas para eventos audiovisuais

O novo cine impresionista de vangarda será o eixo central da sétima edición da mostra (S8), que se desenvolverá na Coruña do 1 ao 5 de xuño
[06/05/2016]
A (S8) Mostra de Cinema Periférico, un dos seis festivais audiovisuais subvencionados este ano pola Agadic, avanzou algúns dos eixos da súa 7ª edición, que se desenvolverá do 1 ao 5 de xuño na Coruña e que, baixo o nome de “Os novos impresionistas”, reunirá cineastas como o canadense Stephen Broomer e o francés Jacques Perconte.

Este último, recoñecido artista do ‘glitch’, presentará no marco desta programación especial unha ‘performance’ con música en directo e unha exposición da súa obra. Así mesmo, a mostra ofreceralles aos espectadores unha panorámica que inclúe os novos traballos de artistas internacionais ao redor da idea do impresionismo no cinema e un programa histórico dedicado á cineasta, teórica e crítica Germaine Dulac.

A sétima edición do festival comezará cun cinema-concerto a modo de gala inaugural o 30 de maio no Teatro Rosalía Castro (A Coruña) e no que se poderá ver a copia restaurada de ‘O acoirazado Potemkin’. A proxección da obra mestra de Sergei M. Eisenstein e pedra angular da modernidade da montaxe cinematográfica será sonorizada en directo polo estadounidense Chris Jarrett, autor dunha partitura orixinal inspirada na película.

Na antesala do encontro, o fin de semana do 28 e 29 de maio, o cineasta galego Miguel Mariño impartirá na Fundación Luis Seoane, dentro da sección Mini(S8), o taller ‘Fabricación de proxectores caseiros’.

-Máis información na web do festival