O CDG celebrará o Día das Letras Galegas cunha xornada de portas abertas na súa sede do Salón Teatro de Santiago

  A compañía institucional organiza un programa de visitas guiadas en seis quendas ao longo do martes 17 de maio

  Entre os participantes neste actividade, para a que está aberto o prazo de inscrición, sortearanse varios lotes dos libros das obras gañadoras do Premio Manuel María de literatura dramática infantil convocado pola Agadic

 O CDG celebrará o Día das Letras Galegas cunha xornada de portas abertas na súa sede do Salón Teatro de Santiago
[12/05/2016]
A sede do CDG no Salón Teatro de Santiago acollerá o vindeiro martes 17 unha xornada especial de portas abertas co gallo da conmemoración do Día das Letras Galegas, que se lle dedica a Manuel María. Con tal motivo, a carteleira do edificio lucirá ademais unha cita do escritor chairego, xunto coa información práctica da actividade.

A compañía da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria organizará visitas guiadas para un máximo de 10 persoas en diferentes quendas (ás 11.00, 12.00, 13.00, 17.00, 18.00 e 19.00 horas), a través das que se lle ofrece aos espectadores a posibilidade de coñecer as entrañas e o funcionamento técnico do teatro compostelán que alberga o Centro Dramático Galego. Esta actividade, axeitada para todos os públicos, é gratuíta previa inscrición a través do correo electrónico centro.dramatico.galego@xunta.es ou do teléfono 981 581 111.
 
Descubrindo o funcionamento técnico
Durante este percorrido polas instalacións do Salón Teatro –situado no número 34 da Rúa Nova, en plena zona histórica compostelá–, explicaráselles aos participantes as orixes deste edificio, que comezou a súa traxectoria como sala de eventos en 1920. Poderán coñecer, así mesmo, como funciona tecnicamente un teatro, descubrindo por exemplo que é e para que serve un dimmer, paseando polos camerinos etc.
 
Con tal fin, aproveitarase unha xornada laboral do equipo técnico do Centro Dramático Galego (tremoias, técnicos de luz e de son, produción...), que ese día estará realizando a montaxe no escenario do espectáculo ‘O mundo persistente’, a nova proposta do ‘Proxecto NÓS Territorio (es)Cénico Portugal Galicia’, que se estreará en Santiago o mércores 1 de xuño. O dramaturgo galego Fernando Epelde é o autor do texto que dirixe para as táboas o tamén galego Tito Asorey no marco desta rede de intercambio teatral co país veciño na que a Consellería de Cultura e Educación participa a través do CDG e da Escola Superior de Arte Dramática (ESAD) de Galicia. Pola banda portuguesa, están implicadas as escolas superiores de Teatro e Cinema (ESTC) de Lisboa e de Música, Artes e Espectáculo (ESMAE) do Porto, así como os os teatros nacionais D. Maria II e São João.
 
Tras cada unha das visitas sortearase entre os participantes un lote dos libros que recollen as obras gañadoras do Premio Manuel María de literatura dramática infantil, que a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) convoca desde o ano 2006. Nestes momentos e ata o vindeiro 31 de maio permanece aberto o prazo de presentación de orixinais para a novena edición deste galardón, así como para o XXIII Álvaro Cunqueiro para textos teatrais e o XII Barriga Verde de textos para teatro de monicreques nas súas modalidades de obras para rapaces e para adultos.