O cinema galego é hoxe protagonista no Festival de Cannes coa estrea e a recepción internacional do filme 'Mimosas' de Oliver Laxe

  A película do realizador galego obtivo unha moi boa acollida por parte do público que asistiu esta mañá á súa proxección no Espazo Miramar dentro da sección competitiva da Semana da Crítica

  A Xunta de Galicia apoia os actos de promoción da produción audiovisual galega en Cannes, onde tamén se exhibirá a curtametraxe ‘Decorado’, de Alberto Vázquez

  Continúa a actividade feiral paralela no ‘Marché du Film’, no que participan as empresas galegas Vaca Films, Frida Films, Ladybug Films, Numax Distribución e Zeitun Films

O cinema galego é hoxe protagonista no Festival de Cannes coa estrea e a recepción internacional do filme 'Mimosas' de Oliver Laxe
[16/05/2016]
O Espazo Miramar do Festival de Cannes (Francia) acolleu hoxe a estrea mundial da película ‘Mimosas’, do realizador galego Oliver Laxe, primeira cita destacada da intensa presenza que o cinema galego está a ter na actual edición do certame, no que tamén se proxectará a curtametraxe ‘Decorado’, do coruñés Alberto Vázquez.

No seu primeiro pase, o filme obtivo unha moi boa acollida por parte do público e dos profesionais acreditados. O propio Oliver Laxe e parte do equipo de ‘Mimosas’ recibíronnos na sala para presentarlles este traballo, producido por Zeitun Films e subvencionado pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic).
 
A promoción internacional desta fita, na que tamén intervén o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), continuará pola tarde cunha recepción á prensa especializada, axentes de vendas e programadores de encontros internacionais, que terá lugar na terraza do 3.14 Hôtel. Será un acto baixo a marca ‘Films from Galicia’, compartido co Centro Cinematográfico Marroquí, La Prod (Marrocos) e Rouge International (Francia) –as otras entidades coprodutoras do filme– e no que a nosa gastronomía estará tamén presente en colaboración con Galicia Calidade para a degustación de produtos galegos.
 
Actividade paralela de mercado
O apoio da Xunta de Galicia esténdeseá participación de cinco empresas galegas (Vaca Films, Frida Films, Ladybug Films, Numax Distribución e Zeitun Films), que están a desenvolver distintas misións comerciais na procura de socios coprodutores ou distribuidores para os seus últimos proxectos dentro do Marché du Film, o mercado cinematográfico que se desenvolve en paralelo ao festival.
 
Ademais, a actividade galega complétase coa axenda de reunións institucionais da Agadic, que abrangue, entre outras, xuntanzas cos responsables do Instituto Nacional de Cinematografía e Artes Audiovisuais de Arxentina (INCA), do Instituto de Cine de Portugal, do Torinno Film Lab italiano, do Festival de San Sebastián, da Fundación MEDIA ou de EAVE (European Audiovisual Entrepeneurs), colectivo internacional de produtores con sede en Bélxica. 
 
Rodada en Marrocos
A presentación de ‘Mimosas’, da que se ofrecerán un total de 9 pases, implica o regreso a Cannes de Oliver Laxe seis anos despois de que obtivera o premio Fipresci da Quincena de Realizadores por ‘Todos vós sodes capitáns’, a súa ópera prima. Nesta ocasión, o cineasta galego asina un conto épico sobre a fe, que relata a historia dos dous personaxes protagonistas, Ahmed e Said, e a súa viaxe por atopar un camiño a Sijilmasa, lugar no que deben soterrar un mestre sufí. A rodaxe do filme tivo lugar en Marrocos, lugar de residencia actual de Laxe, en localizacións naturais de grande beleza  como as montañas nevadas do Anti-Atlas, o lago Ifni ou os vales do Tamalloute.
 
Pola súa banda, a curtametraxe ‘Decorado’, dirixida polo coruñés Alberto Vázquez, estrearase o venres 20 no Teatro de la Croissette, no marco da Quincena de Realizadores, apartado que acollerá unha segunda proxección o sábado 21 no Studio 13. A fita, producida por UniKo & Autour de Minuit coa participación de Alt Content e Abano Producións, acaba de ser seleccionada así mesmo para competir no importante festival de cine de animación de Annecy, tamén en Francia.
 
A proxección en Cannes de ‘Mimosas’ e de ‘Decorado’ supón que a produción ou a creación galega está presente en dúas do total de sete obras procedentes de todo o territorio español que este ano están presentes nas distintas seccións de Cannes 2016.