A montaxe de 'Tartufo', dúas coproducións e a creación do programa 'Dramaturxente' centrarán a nova actividade do CDG

  O conselleiro de Cultura presidiu hoxe a presentación deste primeiro plan deseñado por Fefa Noia tras a súa incorporación á dirección da compañía pública

  O 23 de setembro estrearase a versión galega da emblemática obra de Molière, que dirixirá Carles Alfaro e contará cun elenco de 10 actores e actrices

  A colaboración coa escena portuguesa intensificarase a través da coprodución de ‘O conto de inverno’ e ‘Vida e morte de Daniel Faria’, así como coa estrea de ‘O mundo persistente’ como segunda entrega do Proxecto Nós

A montaxe de 'Tartufo', dúas coproducións e a creación do programa 'Dramaturxente' centrarán a nova actividade do CDG
[18/05/2016]
O Centro Dramático Galego presentou hoxe os eixos que marcarán o seu programa de actividade ata finais de ano, o primeiro deseñado por Fefa Noia como directora da compañía teatral da Xunta. O conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez, presidiu este acto no que se anunciou que ‘Tartufo’, de Molière, será a próxima produción.
Coproducirase, así mesmo, ‘O conto de inverno’ e ‘Vida e morte de Daniel Faria’ e poráse en marcha o novo programa ‘Dramaturxente’ para impulsar a posta en escena de autores galegos contemporáneos.

Xunto con Román Rodríguez e Fefa Noia, compartiron este encontro cos medios o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, así como os representantes dalgunhas das principais asociacións e centros formativos da escena de Galicia: Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), Asociación Galega de Dramaturxia DramaturGA, Escena Galega, Asociación de Novo Circo e Cabaré Pistacinco, Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural, Escola Superior de Arte Dramática (ESAD) de Galicia e Aula de Teatro Universitario da Universidade de Santiago de Compostela.
 
Diálogo co sector
O conselleiro aproveitou a súa presenza para reiterarlles a máxima disposición da Consellería á colaboración co sector para avanzar na difusión da nosa cultura teatral tanto dentro como fóra de Galicia.
 
En canto á actividade de 2016, o diálogo profesional no que fixo fincapé Román Rodríguez será outra das liñas de traballo da compañía pública xunto co reforzo do intercambio co teatro portugués, a actividade de exhibición na súa sede compostelá do Salón Teatro e a busca de novos públicos. Deste xeito, segundo subliñou, o Centro Dramático Galego continuará sendo unha peza crucial na engrenaxe da escena galega, reforzando ademais a liña de apoio ao sector que se leva a cabo desde a Consellería de Cultura e Educación.
 
Gran formato
No que respecta ás novas achegas, o Centro Dramático Galego recibirá en agosto a Carles Alfaro, recoñecido director do panorama escénico estatal con numerosos traballos para algúns dos principais centros públicos de produción. Alfaro porase á fronte da versión galega de ‘Tartufo’, a peza de Molière emblema da Comédie Française, que se estreará en Santiago o 23 de setembro. Tal e como explicou o conselleiro, estamos a falar dun proxecto que exemplifica o labor do teatro público, xa que ademais de lles achegar aos espectadores galegos un clásico universal, asumirase unha produción de gran formato con 10 intérpretes en escena.
 
Pola súa banda, as dúas novas coproducións deste ano permitiranlle ao CDG continuar afondando no seu papel como unha das entidades impulsoras do diálogo e o intercambio co sistema teatral portugués nun momento no que se acaba de celebrar, ademais, o 20º aniversario de Teatragal, encontro que marcou o inicio da relación entre as escenas de ambas as beiras do Miño.
 
En primeiro lugar, a compañía pública galega será unha das entidades implicadas no espectáculo ‘O conto de inverno’, de William Shakespeare, con dirección do portugués Marcos Barbosa e promovido polo Teatro Oficina e o Centro Cultural Vila Flor de Guimarães, ademais de contar coa participación da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia. Diego Anido, José Díaz, Fernando Epelde, Borja Fernández, Marta Pazos e Hugo Torres figuran no elenco desta proposta, que se esterará o 7 de outubro en Aveiro e poderá verse no Salón Teatro en xaneiro do ano que vén.
 
‘Vida e morte de Daniel Faria’ é o título da segunda coprodución, neste caso xunto ao Teatro Municipal do Porto e o Teatro Nacional Dona Maria II de Lisboa. O galego Pablo Fidalgo asinará esta peza, que interpretará xunto a Bruno Senune e a partir da que buscará reconstruír e mesmo comprender a vida do poeta portugués Daniel Faria. O proxecto comezará a coller forma a partir de xuño a través de diferentes residencias artísticas en Portugal e a montaxe chegará a Galicia xa en xaneiro.
 
Estrea de ‘O mundo persistente’
Nesta liña de traballo con Portugal destaca igualmente ‘O mundo persistente’, segunda entrega do Proxecto NÓS Territorio (es)Cénico Portugal Galicia’, que está a comezar a súa última etapa de ensaios no Salón Teatro, onde se estreará o vindeiro mércores 1 de xuño.
 
O dramaturgo galego Fernando Epelde é o autor do texto que dirixe para as táboas o tamén galego Tito Asorey no marco desta rede de intercambio teatral co país veciño na que a Consellería de Cultura e Educación participa a través do CDG e da ESAD. Pola banda portuguesa, están implicadas as escolas superiores de Teatro e Cinema (ESTC) de Lisboa e de Música, Artes e Espectáculo (ESMAE) do Porto, así como os teatros nacionais D. Maria II e São João.
 
Xornadas arredor da dramaturxia galega contemporánea
A dramaturxia galega contemporánea será outra das apostas do novo programa de actividades da compañía pública a través da posta en marcha do proxecto Dramaturxente, que se está a deseñar a partir do diálogo co sector e, en especial, coa nova asociación DramaturGA. O seu obxectivo é impulsar a posta en escena de textos de autoría galega, ademais de promover actividades que aumenten a visibilidade da nosa dramaturxia contemporánea, tanto dentro como fóra de Galicia. Con este fin, en 2016 organizaranse unhas xornadas sectoriais a partir das que se definirán e avanzarán nas principais liñas desta iniciativa.
 
Ao tempo, o Centro Dramático Galego seguirá prestando apoio ás compañías galegas a través do seu servizo de residencias técnicas e artísticas. Continuará, ademais, abrindo ao público as portas do Salón Teatro para acoller espectáculos escénicos, concertos e proxeccións cinematográficas. Nesta carteleira terán un especial protagonismo a temporada de exhibición de ‘Tartufo’, así como as representacións dos espectáculos en coprodución ou a programación infantil ‘Gran teatro para os máis pequenos’ coa que se pechará 2016.
 
Tamén haberá lugar neste escenario para propostas, mostras e festivais promovidos por outras entidades que, en moitos casos, veñen tendo no Salón Teatro unhas das súas sedes habituais: Galicia Escena PRO, Womex 2016, Festival de Teatro Amador Agustín Magán, Cineuropa etc.
 
Con este plan de actividades, o Centro Dramático Galego entrará en 2017, ano no que se liberarán os dereitos de tradución ao galego da obra de Valle-Inclán, circunstancia que determinará unha parte importante da programación teatral galega dese ano.

-Programa de actividades maio-decembro 2016