A Agadic colabora coa Asociación Galega de Guionistas na master class sobre 'late night' que impartirá mañá Joan Grau

  O encontro incorpórase ao programa Galicia ProFilme para a formación continua de profesionais da industria cultural galega

  O coordinador dos equipos de guión de Andreu Buenafuente abordará aspectos sobre a organización do traballo de escrita e as particularidades dos formatos televisivos de entretemento para horario nocturno

A Agadic colabora coa Asociación Galega de Guionistas na master class sobre 'late night' que impartirá mañá Joan Grau
[19/05/2016]
A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), da Consellería de Cultura e Educación, e a Asociación Galega de Guionistas (AGAG) colaboran para ofrecerlles aos profesionais galegos unha master class sobre guión de ‘late night’, que será impartida mañá en Santiago por Joan Grau, director de contidos da produtora El Terrat.

A actividade desenvolverase no marco de Galicia ProFilme, o programa de formación continua da Agadic para membros da industria audiovisual galega, e conta tamén coa colaboración da SGAE, en cuxa sede da compostelá rúa das Salvadas terá lugar o encontro entre as 16.30 e as 20.00 horas.
 
Os interesados e interesadas aínda poden inscribirse ao longo do día de hoxe para asistir a esta master class no correo electrónico formacion@asociaciongalegadeguionistas.org.

A sesión centrarase no mundo dos programas televisivos de entretemento en horario nocturno, para o que se abordarán aspectos como o perfil do guionista de ‘late night’, a relación entre orzamento, formato e equipo humano, o carisma do presentador/a ou as características especiais do humor na época das redes sociais.
 
Experiencia directa
Para isto impartirá a master class Joan Grau, artífice e coordinador dos equipos de guión que están tras os programas de Andreu Buenafuente desde a produtora El Terrat. O especialista catalán falará tamén da súa experiencia en primeira persoa, que o levou de ser un mero admirador a se converter en director da compañía responsable de éxitos como ‘Buenas Noches y Buenafuente’ ou ‘En el Aire’.
 
Joan Grau participa desde 1998 como guionista, coordinador de guións e director de todo tipo de formatos. Escribiu seis series e programas infantís ata que en 2002 entrou en El Terrat como guionista do programa ‘Una Altra Cosa’ para TV3. Dous anos despois funda Cap Problema Produccions, onde produciu e dirixiu ‘52’ para Localia, premio Ondas ao mellor programa local de entretemento. En 2005 fíchao Buenafuente cando este dá o salto a Antena 3, co que pasa tamén despois a La Sexta. En 2009 entra a dirixir o departamento de novos formatos de El Terrat e en 2010 ocupa o posto de director de contidos da produtora. Na actualidade está a preparar unha longametraxe, ao tempo que traballa en ‘Late Motiv’, o novo programa de Buenafuente en Movistar+.

-Masterclass de Late Night en Galicia ProFilme