Galicia Escena PRO afondará no 'e-mail marketing' como estratexia de comunicación das compañías e dos teatros

  Un total de 25 profesionais asistirán a este obradoiro, organizado pola Agadic e a Cofae como actividade complementaria ao mercado galego de artes escénicas que terá lugar en Santiago do 6 ao 9 de xuño

Galicia Escena PRO afondará no 'e-mail marketing' como estratexia de comunicación das compañías e dos teatros
[20/05/2016]
As posibilidades do marketing por correo electrónico na difusión da actividade dos profesionais do sector teatral galego será o obxecto dun seminario que se organizará no marco da cuarta edición de Galicia Escena PRO, o mercado das artes escénicas que a Agadic desenvolverá en Santiago de Compostela do 6 ao 9 de xuño.

Un total de 25 profesionais participarán neste encontro, que terá lugar o luns día 6, entre as 10.00 e as 13.00 horas, na  biblioteca do Consello da Cultura Galega e para o que a Agadic conta coa colaboración da Coordinadora de Ferias de Artes Escénicas del Estado Español (Cofae).
 
O obxectivo é afondar nas posibilidades do ‘e-mail marketing’ como un dos medios máis accesibles, utilizados, económicos e resolutivos para establecer unha comunicación efectiva cos públicos e con outras comunidades de receptores. Esta formación vai destinada especificamente a artistas de artes escénicas, produtoras e distribuidoras de espectáculos, xestores culturais e responsables de marketing e comunicación de organizacións culturais. 
 
A cargo de Pepe Zapata
O curso correrá a cargo de Pepe Zapata, socio da consultora Teknecultura, quen xa impartira na pasada edición de Galicia Escena PRO un seminario de estratexia dixital para compañías de artes escénicas. Nesta ocasión, volverá a Compostela para ensinar, por exemplo, como segmentar e xestionar as listas de destinatarios ou como establecer métricas e interpretar informes de cumprimento de obxectivos de comunicación a través do e-mail marketing, ademais de abordar o funcionamento do Mailchimp como ferramenta líder para estes cometidos.
 
Xestor cultural, filólogo e experto en dirección de empresas e social media, Zapata conta cunha ampla traxectoria vinculada á promoción e difusión cultural como director de Marketing e Comunicación do Mercat de les Flors de Barcelona entre 2009 e 2014, xestor cultural na Universitat Pompeu Fabra ou técnico de asesoramento comercial en diferentes entidades. Tamén é actor profesional, produtor e tradutor.

-Programa do curso