Os filmes gañadores dos Premios Gaudí do cine catalán protagonizan a carteleira semanal no CGAI-Filmoteca de Galicia

  A Academia Galega do Audiovisual e a Acadèmia del Cinema Català organizan este ciclo, no marco do que se proxectarán ‘El adiós’, ’13 dies d’octubre’, ‘El camí més llarg per tornar a casa’, ‘Game Over’, ‘Truman’ e ‘Atrapa la bandera’

  Esta colaboración inclúe a próxima exhibición en Cataluña dunha selección das producións galegas galardoadas este ano cos Premios Mestre Mateo

Os filmes gañadores dos Premios Gaudí do cine catalán protagonizan a carteleira semanal no CGAI-Filmoteca de Galicia
[23/05/2016]
O Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI-Filmoteca de Galicia) colabora un ano máis coa Academia Galega do Audiovisual e a Académia del Cinema Català no programa de exhibición en Galicia dunha selección das producións catalás galardoadas na pasada edición dos Premios Gaudí do audiovisual de Cataluña.

Desta volta, organizaranse un total de cinco pases de entrada libre os días 25, 26 e 28 de maio, durante os que se proxectarán as obras gañadoras nas categorías de mellor película (‘El camí més llarg per tornar a casa’), mellor película en lingua non catalá (‘Truman’), mellor película para televisión (’13 dies d’octubre’), mellor documental (‘Game Over’), mellor película de animación (‘Atrapa la bandera’) e mellor curtametraxe (‘El adiós’).
 
Esta iniciativa impulsada por ambas as academias inclúe tamén a organización en Cataluña dun ciclo durante o que se exhibirán os traballos galardoados na última edición dos Mestre Mateo do audiovisual galego. A primeira longametraxe de Dani de la Torre, ‘O descoñecido’, foi –con 12 recoñecementos– a gran triunfadora na gala de entrega destes premios, que tivo lugar hai un mes na Coruña.
 
Calendario de proxeccións
O ciclo dedicado aos Gaudí arranca o mércores 25, ás 18.00 horas, cunha sesión que xunta a curtametraxe ‘El adiós’, de Clara Roquet, con ’13 díes d’octubre’, produción televisiva dirixida por Carlos Marques-Marcet sobre os intentos frustrados da irmá de Lluís Companys e varios dos seus colaboradores para evitar a execución do presidente da Generalitat.
 
Ás 20.30 horas terá lugar o segundo pase da xornada con ‘El camí més llarg per tornar a casa’, ópera prima de Sergi Pérez que, tras a súa estrea no Festival de Cine Europeo de Sevilla, obtivo excelentes críticas tanto pola súa dirección como pola interpretación de Borja Espinosa.
 
O programa continuará o xoves 26 con outras dúas sesións de cinema catalán. En primeiro lugar, coa exhibición ás 18.00 horas de ‘Game Over’, documental de Alba Sotorra sobre un mozo que leva ata o extremo a súa obsesión polos videoxogos bélicos. No pase das 20.30 horas proxectarase ‘Truman’, que ademais de gañar o Gaudí á mellor película en lingua non catalá, levou tamén galardóns nas categorías de mellor dirección, para Cesc Gay; mellor guión para Cesc Gay e Tomàs Aragay; mellor actor principal para Ricardo Darín; mellor actriz secundaria para Dolores Fozi; e mellor actor secundario para Javier Cámara. ‘Truman’ foi, así mesmo, un dos títulos protagonistas da pasada edición dos Premios Goya, mentres que o seu dúo interpretativo Darín-Cámara recibiu ex aequo a Concha de Prata do Festival de San Sebastián.
 
O ciclo rematará o sábado 28, ás 18.00 horas, coa película de animación ‘Atrapa la bandera’, dirixida por Enrique Gato, que levou tamén o Premio Goya na mesma categoría.
 
A programación completa pode consultarse no web www.cgai.gal.