Galicia Escena PRO reunirá en Santiago máis de 120 profesionais da cultura arredor dun programa protagonizado por 37 compañías

  O conselleiro Román Rodríguez presidiu hoxe a presentación da cuarta edición do encontro organizado pola Agadic que, entre outras novidades consensuadas co sector, trasladou as súas datas de celebración do outono á primavera

  O público xeral poderá asistir de balde aos 14 espectáculos galegos e tres vascos seleccionados pola comisión artística

  A oferta para os axentes culturais inscritos inclúe a presentación de 10 montaxes en formato ‘showcase’, unha sesión ‘pitching’ na que se adiantarán outros 10 títulos en proxecto, un seminario de e-mail marketing e un concerto de Xabier Díaz Trío

Galicia Escena PRO reunirá en Santiago máis de 120 profesionais da cultura arredor dun programa protagonizado por 37 compañías
[03/06/2016]
Máis de 120 profesionais do sector escénico procedentes de toda Galicia e doutros puntos da Península daranse cita a vindeira semana en Santiago de Compostela durante a celebración da cuarta edición de Galicia Escena PRO, que terá lugar do luns 6 ao xoves 9 en catro espazos da cidade: Auditorio Abanca, Fundación SGAE, Salón Teatro e Teatro Principal.

Organizado pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura e Educación, no marco deste evento un total de 37 compañías presentarán as súas propostas de teatro, danza, novo circo e maxia en diferentes formatos: espectáculos completos, ‘showcases’ e presentacións ‘pitching’.
 
O programa completo do mercado galego das artes escénicas foi presentado hoxe polo conselleiro Román Rodríguez, quen estivo acompañado por Jacobo Sutil, director da Agadic; Belén Pichel, presidenta da asociación Escena Galega; e Marta Núñez, técnico de Cultura do Concello de Vigo e integrante da comisión encargada da selección artística de 2016. Tamén estiveron presentes Anxo Lorenzo, secretario xeral de Cultura, e Fefa Noia, directora do Centro Dramático Galego.
 
A edición deste ano incorpora varias novidades froito das reunións mantidas con Escena Galega, como principal asociación das empresas do sector, e cunha representación dos programadores galegos. Entre elas, a ampliación da carteleira de tres a catro días e o cambio de datas do encontro, que se adianta de novembro a xuño co obxectivo de optimizar a súa posición no calendario anual dos eventos escénicos máis salientables a nivel estatal.
 
Román Rodríguez explicou que, conxuntamente co sector, con Galicia Escena PROperséguese un dobre obxectivo, que funcione tanto como espazo para a compra-venda dos espectáculos galegos, como de “plataforma para unha maior visibilidade social da nosa actividade escénica, levando as artes ao centro da vida pública.
 
Mirada a Euskadi
Ademais, como explicou o conselleiro na súa intervención, Galicia Escena PRO ábrese por vez primeira vez a propostas doutros territorios como xeito de afondar no intercambios e na reciprocidade de accións de difusión entre Galicia e outras comunidades autónomas. Neste caso, e grazas ao acordo entre a Agadic e o instituto vasco Etxepare, exhibiranse tres montaxes procedentes de Euskadi: ‘Mobydick’, de Teatro Gorakada; ‘Oskara’, de Kukai Dantza; e ‘Solitudes’, de Kulunka Teatro.
 
O resto da carteleira de espectáculos completos achegará as últimas producións de 14 compañías galegas, a través das que se dá conta da variedade de xéneros e estilos escénicos que se están a producir na actualidade en Galicia. Atópanse, entre elas, cinco propostas de teatro para público familiar e infantil: ‘Gretel e Bela’, de Teatro da Semente; ‘O poder de Amabel’, de Pérez&Fernández; ‘Os reloxos preguiceiros de Néboa’, de Aporía Escénica; ‘Manawee’, de Matrioshka Teatro; e ‘O conto da Azuzaina’, unha coprodución entre Limiar Teatro, Esteoeste e Crémilo que é estrea absoluta en Galicia Escena PRO.
 
Tamén para todos os públicos están pensadas as montaxes de danza-circo de Traspediante (‘Up2Down’) e de circo de Compañía IO (‘Contiguo’), mentres que os sete títulos restantes corresponden a teatro para público adulto: ‘Os amores de Jacques O Fatalista’, de Producións Teatráis Excéntricas; ‘Coma e punto’, de Antagonista Teatro; ‘Raclette’, de Ibuprofeno Teatro; ‘Foucellas’, de Talía Teatro; ‘Nosa Señora das Nubes’, de Teatro do Morcego; ‘A forma das cousas’, de La Yogurtera; e ‘Eroski paraíso’, de Chévere.
 
Entradas para o público non profesional
As representacións destes 17 espectáculos serán de acceso gratuíto para o público non profesional, en función da capacidade dispoñible en cada caso e previa retirada das entradas nas billeteiras do espazo correspondente, que estarán abertas desde unha hora antes do comezo dos pases.
 
O resto da programación de Galicia Escena PRO diríxese exclusivamente aos profesionais acreditados, entre os que se atopan programadores teatros, auditorios, salas e mostras escénicas, así como representantes de produtoras e distribuidoras. A prioridade é ofrecerlles un espazo para o encontro coas compañías cara á incorporacións de espectáculos galegos nas carteleiras da próxima temporada escénica.
 
Nesta oferta de actividades previa inscrición inclúense dúas sesións de ‘showcases’ (luns e martes), nas que outras 10 compañías escenificarán diante dos programadores unha pequena mostra das súas novas producións. Trátase de ‘Múltiple’, de Antón Coucheiro; ‘Voaxa e Carmín’, de ButacaZero; ‘A vida das tormentas’, de Colectivo t.O.x.O; ‘Falar sen cancelas’, de Culturactiva; ‘Give it a Spin’, de Pisando Ovos; ‘Unhas gafas como as do avó’, de A Trastenda dos Contos; ‘Pavillón Lino’, de Caramuxo Teatro; ‘Volta á maxia’, de Dani García; ‘Invención’, de Odaiko Crea; e ‘Os soños na gaiola’, de Títeres Alakrán.
 
Ademais e por segundo ano consecutivo, Galicia Escena PRO inclúe unha xornada 'pitching', que terá lugar o xoves e para a que foron seleccionadas outras 10 compañías co obxectivo de lles presentar aos axentes acreditados un avance dos proxectos nos que están comezando a traballar cara á vindeira temporada. Os títulos elixidos son ‘O robot e a doutora Pi; tribulacións na procura dun soño’, de Cinema Sticado; ‘Salvador’, de Compañía Borja Fernández; ‘O tolleito de Inishman’, de Contraproducións; ‘Get Back’, de Eme2 Emoción&Arte; ‘Vaia heroe de merda’, de Grupo Chévere’; ‘O baúl do mago’, de Mago Raga; ‘O encoro enmeigado (nas Fragas do Eume)’, de Os Monicreques de Kukas; ‘Desconexión’, de Soliloquio Producións Teatrais, ‘Tita (un espectáculo teatral sobre a intelixencia emocional)’, de Teatro Babaluva; e ‘Rubicundo’, de Teatro Ghazafelhos.
 
Tamén se mantén nesta edición a oferta formativa que a Agadic organiza no marco deste evento en colaboración coa Coordinadora de Ferias de Artes Escénicas del Estado Español (Cofae). Pepe Zapata, socio da consultora Teknecultura, regresará a Santiago para impartir o luns a 25 profesionais galegos do sector unha nova entrega do seminario de estratexias dixitais, que este ano se centrará na utilización do e-mail marketing.
 
Actividades paralelas
O calendario de actividades paralelas inclúe, así mesmo, tres momentos especialmente destinados a propiciar o intercambio distendido entre todos os inscritos, ademais dun encontro de xestores culturais organizado pola Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural e as presentacións do novo catálogo de Escena Galega e da próxima edición do Mercado de las Artes Escénicas (Mercartes), que terá lugar en Valladolid o vindeiro mes de novembro.
 
Como en anos anteriores, Galicia Escena PRO ten preparado un concerto especial na Casa das Crechas que, neste caso, correrá a cargo do Xabier Díaz Trío na noite do martes.

-Web de Galicia Escena PRO