Galicia Escena PRO arranca mañá en Santiago con tres espectáculos de teatro familiar, o último de Excéntricas e cinco 'showcases'

  A actividade de exhibición continuará ata o xoves para configurar unha carteleira con 27 propostas de teatro, danza, novo circo e maxia

  A Agadic organiza este evento cun marcado carácter profesional, pero aberto tamén ao público xeral que poderá acceder de balde ás 17 representacións de formato completo

  Un taller formativo sobre 'e-mail marketing', a presentación de Mercartes e un encontro de xestores completan a actividade do día

Galicia Escena PRO arranca mañá en Santiago con tres espectáculos de teatro familiar, o último de Excéntricas e cinco 'showcases'
[05/06/2016]
A cuarta edición de 'Galicia Escena PRO', o mercado de artes escénicas organizado pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), inicia mañá día 6 en Santiago de Compostela catro días de actividade profesional e artística arredor da produción galega nos ámbitos do teatro, danza, novo circo e maxia.

Nesta primeira xornada, os máis de 120 profesionais acreditados e o público xeral terán a posibilidade de ver os espectáculos de nove das 27 compañías en cartel, seleccionados entre o total de 108 propostas recibidas para participar neste evento.

As montaxes para público infantil e e familiar de Teatro da Semente e de Pérez&Fernández serán as encargadas de inaugurar esta programación con cadanseu título: 'Gretel e Bela', un encontro escénico entre as personaxes protagonistas dos contos 'Hansel e Gretel' e 'A bela adormecida', que se representará ás 12.00 horas na sede da Fundación SGAE, o mesmo espazo que acollerá ás 13.15 horas 'O poder de Amabel', unha historia inspirada na novela infantil de Érica Esmorís e interpretada por monicreques e actores. A estas dúas funcións matinais asistirán como público grupos de escolares de distintos centros de ensino de Santiago.

Programa de tarde
Xa pola tarde, a actividade trasladarase ao Auditorio Abanca, onde ás 17.30 horas a compañía Teatro Gorakada (a primeira das tres que, procedentes de Euskadi, están presentes na programación deste ano) porá en escena 'Moby Dick', un espectáculo para todos os públicos (nenos a partir de seis anos), que recrea a coñecida obra de Edgar Melville a través dun exercicio de creación colectiva baseado na adaptación realizada por Julio Salvatierra.

A continuación, chegará 'Os amores de Jacques o fatalista', o último espectáculo de PT Excéntricas, que se escenificará ás 19.00 horas no Teatro Principal. Quico Cadaval dirixe a adaptación deste texto de Denis Diderot, que conta con escenografía de Marcelino de Santiago 'Kukas' e con Víctor Mosqueira, Marcos Orsi, María Costas e Piti Sanz no elenco interpretativo.

A actividade do día rematará cunha sesión de 'showcases' destinada aos profesionais acreditados. Será a partir das 22.00 horas no Salón Teatro e contará coa participación de Antón Coucheiro con 'Múltiple', Butacazero con 'Voaxa e Carmín', Colectivo T.O.X.O. con 'A vida das tormetas', Culturactiva con 'Falar sen cancelas' e Pisando ovos con 'Give it a spin'.

A meirande parte das montaxes que se presentan en Galicia Escena PRO 2016, tanto en formato completo como en ‘showcase’, atópanse no inicio do seu percorrido polos escenarios, de xeito que esta carteleira supón unha excelente oportunidade para que os programadores lle tomen o pulso á actualidade escénica galega cara á configuración das axendas culturais que ofrecerán os teatros, auditorios e festivais de toda Galicia durante a próxima temporada. Ademais, e igual que na pasada edición, está prevista para o xoves unha sesión 'pitching', na que se presentarán outros dez títulos en fase de proxecto ou pre-produción.

Entrada gratuíta
O público xeral tamén poderá asistir de xeito gratuíto a todas as funcións de formato completo ata completar a capacidade de cada sala e unha vez teñan accedido os acreditados. As invitacións para cada espectáculo poderán retirarse na billeteira do espazo correspondente desde unha hora antes do inicio.

En canto á actividade estritamente profesional da xornada inaugural de mañá, Galicia Escena PRO arrancará ás 10.00 horas na biblioteca do Consello da Cultura Galega co seminario 'Como utilizar o e-mail marketing para optimizar a nosa estratexia de comunicación', que será impartido por Pepe Zapata, socio da consultora Teknecultura, a 25 profesionais do sector. Este taller conta coa colaboración da Coordinadora de Ferias del Estado Español (Cofae). 

Pola súa banda, o Salón Teatro acollerá ás 16:30 horas a presentación do Mercado de Artes Escénicas MERCARTES, unha convocatoria a nivel nacional que se celebrará do 9 ao 11 de novembro en Valladolid; en tanto que na Fundación SGAE terá lugar ás 14.30 horas o primeiro dos encontros incluídos no programa para favorecer o intercambio profesional dos axentes culturais acreditados no mercado, entre os que se atopan programadores de espazos escénicos públicos e privados, de festivais e representantes de compañías e empresas distribuidoras.

[Na imaxe, escena de 'Os amores de Jacques o fatalista, de PT Excéntricas]

-Web de Galicia Escena PRO