A segunda xornada de Galicia Escena PRO ofrece o debut de Antagonista Teatro e as novas propostas de Aporía, Kulunka e Ibuprofeno

  'Coma e punto’ é a primeira montaxe da compañía de Jose Vaquero e Javier Octavio de Toledo, que poderá verse mañá ás 11.00 horas na Fundación SGAE

  A carteleira aberta ao público inclúe a peza infantil ‘Os reloxos preguiceiros de Néboa’, de Aporía Escénica; o espectáculo de máscaras da formación vasca Kulunka Teatro; e ‘Raclette’, co que Ibuprofeno dá o salto a producións de maior formato

  A programación para profesionais inclúe unha segunda sesión de ‘showcases’ no Salón Teatro, un novo encontro entre os asistentes e o concerto de Xabier Díaz Trío na Casa das Crechas

A segunda xornada de Galicia Escena PRO ofrece o debut de Antagonista Teatro e as novas propostas de Aporía, Kulunka e Ibuprofeno
[06/06/2016]
A segunda xornada de Galicia Escena PRO, que arranca hoxe en Santiago coa participación de máis de 120 axentes culturais, ofreceralle mañá ao público profesional e non profesional unha nova oportunidade de ver as últimas propostas de tres compañías galegas (Antagonista Teatro, Aporía Escénica e Ibuprofeno Teatro) e unha vasca (Kulunka Teatro).

A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura e Educación organiza a cuarta edición deste encontro, que se celebra ata o vindeiro xoves 9 co fin de impulsar a contratación dos espectáculos galegos, así como de favorecer unha maior proxección social das artes escénicas producidas na nosa Comunidade.
 
A actividade deste segundo día dará comezo ás 11.00 horas na Fundación SGAE con ‘Coma e punto’, a montaxe de debut de Antagonista Teatro. Jose Vaquero e Javier Octavio de Toledo crearon esta formación o ano pasado para propoñer un teatro persoal, baseado nun traballo actoral que se constrúe a partir de vivencias propias. Neste caso, a peza dirixida por Fernando González e interpretada por Jose Vaquero e Laura Míguez fala do amor e da perda, das ilusións e dos anhelos, nun diálogo constante cos espectadores que deixa á vista os resortes do xogo escénico.
 
A segunda cita deste martes será co teatro infantil e ‘Os reloxes preguiceiros de Néboa’, de Aporía Escénica, ás 17.30 horas no Auditorio Abanca. Diana Mera dirixe esta obra pola que Xavier Lama obtivo en 2010 o Premio Manuel María de literatura dramática infantil, convocado pola Agadic. Merche Pérez, Teté García, Paula Pier, María Roja e a propia Diana Mera dan vida ás personaxes desta peza, recomendada para nenos e nenas a partir dos 6 anos de idade.
 
Poética visual
Tamén actuará mañá Kulunka Teatro, unha das tres compañías procedentes de Euskadi que este ano participan no mercado galego das artes escénicas grazas a un acordo entre a Agadic e Instituto Vasco Etxepare. ‘Solitudes’ é o título deste espectáculo de teatro de máscaras, que sobresae pola poética visual e unha conmovedora mestura entre a gravidade e o sorriso. O Teatro Principal acollerá ás 19.00 horas esta posta en escena, interpretada por Garbiñe Insausti, José Dault e Edu Cárcamo baixo a dirección de Iñaki Rikarte.
 
Por último, o Salón Teatro ofrecerá ás 22.00 horas ‘Raclette’, o novo de Ibuprofeno Teatro, co que a compañía de Santiago Cortegoso e Marián Bañobre dá o salto a espectáculos de maior formato. Fano cunha historia sobre o complexo mosaico humano que conforman os cinco personaxes aos que dan vida Toni Salgado, Deborah Vukusic, Marián Bañobre, Iria Sobrado e Salvador del Río. Santiago Cortegoso púxose á fronte da dirección escénica desta produción, realizada a partir do texto co que en 2014 gañou o Premio Álvaro Cunqueiro para textos teatrais da Agadic.
 
Retirada das entradas
Esta carteleira de Galicia Escena PRO é de acceso gratuíto para o público non profesional, en función da capacidade dispoñible en cada caso e previa retirada das entradas nas billeteiras dos espazos correspondentes, que estarán abertas desde unha hora antes do comezo dos pases.
 
En canto á actividade estritamente profesional, o Salón Teatro será a partir das 12.30 horas o escenario da segunda sesión de ‘showcases’, na que cinco compañías galegas escenificarán diante dos programadores unha pequena mostra das súas novas producións: ‘Unhas gafas como as do avó’, de A Trastenda dos Contos; ‘Pavillón Lino’, de Caramuxo Teatro; ‘Volta á maxia’, de Dani García; ‘Invención’, de Odaiko Crea; e ‘Os soños na gaiola’, de Títeres Alakrán.
 
Tras ela terá lugar neste mesmo espazo compostelán un segundo encontro informal para que os asistentes –entre os que se atopan programadores de teatros, auditorios e mostras escénicas, así como representantes de produtoras e distribuidoras– establezan contacto e intercambien impresións.
 
A segunda xornada de Galicia Escena PRO concluirá a media noite na Casa das Crechas cun concerto especial do Xabier Díaz Trío.

-Galicia Escena PRO