'O mundo persistente' viaxa a Portugal para se exhibir no Teatro Carlos Alberto do Porto e no Teatro Nacional D. Maria II de Lisboa

  O Centro Dramático Galego coordinou a produción desta segunda montaxe do Proxecto Nós Territorio Es(Cénico), no que tamén participan a ESAD de Galicia, os teatros nacionais portugueses D. Maria II e São João e as escolas superiores ESTC de Lisboa e ESMAE do Porto

  A partir do texto escrito por Fernando Epelde, Tito Asorey dirixe un elenco de artistas novos de ambos os países, no que figuran os galegos Tamara Urbano e Germán Álvarez

'O mundo persistente' viaxa a Portugal para se exhibir no Teatro Carlos Alberto do Porto e no Teatro Nacional D. Maria II de Lisboa
[07/06/2016]
‘O mundo persistente’, o novo espectáculo do Proxecto NÓS Territorio (Es)Cénico Portugal Galicia cuxa produción foi coordinada polo Centro Dramático Galego (CDG), represéntase mañá no Teatro Carlos Alberto (TeCA) do Porto como primeiro destino da súa serie de funcións nos teatros públicos lusos que forman parte desta iniciativa.

A montaxe dirixida por Tito Asorey a partir do texto escrito por Fernando Epelde ocupará durante cinco días, ata o 12 de xuño, o escenario do TeCA, pertencente ao Teatro Nacional São João. A directora do CDG, Fefa Noia, asistirá á primeira representación de ‘O mundo persistente’ no país veciño, ao que chega despois da súa estrea no Salón Teatro de Santiago de Compostela entre o 1 e o 5 de xuño.
 
Desde O Porto, a compañía viaxará a Lisboa para escenificar a peza entre os días 15 e 19 de xuño na Sala Estudio do Teatro Nacional D. Maria II, outra das estruturas socias deste proxecto, xunto á Escola Superior de Arte Dramática (ESAD) de Galicia e as escolas superiores de Teatro e Cinema (ESTC) de Lisboa e de Música, Artes e Espectáculo (ESMAE) do Porto.
 
Escrita e dirección galegas
Para materializar ‘O mundo persistente’, contouse co autor Fernando Epelde e co director de escena Tito Asorey, dous destacados nomes da escena galega que, a pesar da súa xuventude, posúen xa unha sobresaínte traxectoria profesional avalada por numerosos recoñecementos. O resto do equipo artístico intégrano mozas e mozos que están a finalizar os seus estudos nas devanditas escolas de Vigo, Lisboa e Porto.

-Dossier de 'O mundo persistente'
 
Neste caso, a representación da ESAD corre a cargo de Tamara Urbano e Germán Álvarez como parte do elenco interpretativo, José Manuel Faro na iluminación e Javier Lojo como axudante de dirección e editor de son e vídeo. Pola banda portuguesa, tamén interveñen no espectáculo os actores João Cachola, Marta Dias, Hugo Olim e Vicente Wallenstein; Miguel Costa, no deseño da escenografía; Sofía Rodrigues, no do vestiario e figurinos; e Mariana Silva, na rexedoría.
 
A obra, escrita especificamente para este proxecto por Epelde, toma o seu título do termo que se emprega no ámbito dos videoxogos para denominar os universos virtuais que sobreviven en ausencia do xogador.
 
A montaxe está protagonizada por un grupo de mozos e mozas que se relacionan de xeito virtual, falando sempre a través de pantallas e sen compartir espazos físicos, de xeito que ese ‘mundo persistente’ tornouse para eles na única alternativa interesante fronte ao mundo exterior. Pero todo cambia cando un enferma e a mesma morte (en formato pixelado, pero morte ao fin e ao cabo) se lle aparece e lle propón emprender unha viaxe polo mundo real na compaña dos seus amigos.