O Salón Teatro proxectará dez películas no marco da Mostra Internacional de Cinema Etnográfico que organiza o Museo do Pobo Galego

  Haberá dous pases diarios entre o luns 13 e o xoves 16 para exhibir parte da carteleira deste evento, na que se inclúen as producións galegas ‘A seara’, ‘Alpuxarras’ e ‘Os días afogados’

O Salón Teatro proxectará dez películas no marco da Mostra Internacional de Cinema Etnográfico que organiza o Museo do Pobo Galego
[10/06/2016]
O Salón Teatro de Santiago acollerá a proxección de dez películas que forman parte da Mostra Internacional de Cine Etnográfico (MICE) organizada polo Museo do Pobo Galego. O espazo da Consellería de Cultura súmase por vez primeira a este evento como unha das súas sedes, para o que ofrecerá dous pases diarios entre o luns13 e o xoves 16.
 
 
A MICE exhibirá en tres espazos composteláns (Museo do Pobo Galego, Salón Teatro e Teatro Principal) un total de 26 filmes de varias nacionalidades, pero coa intención primordial común de amosar aspectos relacionados coas distintas realidades socioculturais e os xeitos de vivir e de entender a vida no seo dunha comunidade. Abrangue obras que teñen como foco principal persoas, grupos sociais ou procesos históricos relevantes relacionados coa antropoloxía e a etnografía.
 
A mostra celebra a súa 11ª edición desde que botou a andar en 2006 cos apoios de distintas entidades, entre elas o Centro Galego das Artes da Imaxe (CGAI), ademais establecer desde entón unha colaboración que chega ata hoxe co Festival Espiello de Sobrarbe (comarca dos Pirineos de Huesca), que este ano comparte seis fitas co festival galego.
 
Producións galegas e internacionais
A programación específica do Salón Teatro dentro da MICE arrancará o luns 13 ás 20.00 horas con ‘Baratometraxes 2.0. O futuro do cinema feito en España’, de Daniel San Román e Hugo Sierra; e ás 21.30 horas coa mediometraxe alemá ‘Viacrucis Migrante’.
 
O martes 14 proxectaranse ‘District Zero’ (20.00 h), de Pablo Iraburu, Jorge Fernández Mayoral e Pablo Tosco; en tanto que ás 21.30 horas dará comezo ‘A seara’, o filme do galego Pepe Coira, subvencionado en 2014 pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), que recrea a rehabilitación desta aldea do Courel e do intento de recuperala para facela atractiva para o turismo.  
 
O mércores 15 será a quenda da produción galega ‘Alpuxarras’, de Rafael Toba, outro filme que contou coa axuda da Agadic para a súa realización. Esta fita, que aborda a repoboación da comarca granadina con colonos galegos trala expulsión dos mouriscos no século XVI, así como a pegada bérber en Galicia, será proxectada ás 20.00 horas; mentres que a partir das 21.30 poderán verse outros tres títulos: a película arxentina ‘Extremos. Viaxe a Karukinka’, a rusa ‘Strana Udehe’ e a coprodución hispano-congoleña ‘Bango’.
 
No último día de proxeccións, o xoves 16, está programada ‘As bágoas de África’, de Amparo Climent, para a primeira sesión das 20.00 horas. Pola súa banda, a produción galega ‘Os días afogados’, o documental de Luis Avilés Baquero e César Souto Vilanova que conta a agonía da aldea de Aceredo, desaparecida trala construción do encoro de Lindoso, será a última en ser exhibida no Salón Teatro. Esta película cofinanciouse tamén cunha subvención á produción da Xunta de Galicia a través da Agadic.
 
A 11ª Mostra Internacional de Cinema Etnográfico está dirixida por Ana Estévez Lavandeira e organizada a xeito de festival competitivo, polo que outorgará tres premios: Mellor película, Mellor película galega e Premio do público entre os 20 títulos da carteleira a concurso. Todas as proxección son de entrada gratuíta. 
 
Trala intensa actividade que levou a cabo esta semana para Galicia Escena PRO, o Salón Teatro encara con este programa audiovisual a recta final da súa temporada 2015-2016, que pechará coas representacións os días 17 e 18 de xuño de ‘Búscame ese tipo’, a cargo da Compañía de Teatro Down Compostela baixo a dirección de Lucas Herrador.  

-Programa da 11ª MICE