A Agadic destina 185.000 euros ás axudas ao desenvolvemento de novos proxectos audiovisuais de produción galega

  Esta convocatoria anual de subvencións busca contribuír ao financiamento da fase de preprodución de longametraxes cinematográficas e produtos televisivos, ao tempo que favorece a viabilidade de todo o proceso posterior e a súa chegada ás pantallas

  O prazo de presentación de solicitudes estará aberto desde mañá e ata o 13 de xullo

A Agadic destina 185.000 euros ás axudas ao desenvolvemento de novos proxectos audiovisuais de produción galega
[13/06/2016]
A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a súa convocatoria anual de subvencións para o desenvolvemento de proxectos audiovisuais de produción galega, á que destina un orzamento total de 185.000 euros.

Dentro do programa xeral de subvencións da Xunta ao sector audiovisual galego, o obxectivo concreto desta liña de apoio é impulsar a posta en marcha de novas longametraxes cinematográficas e produtos televisivos cofinanciando os traballos previos ao proceso de produción.

A través desta convocatoria, para a que o prazo de solicitude estará aberto a partir de mañá e ata o vindeiro 13 de xullo, búscase acompañar as produtoras independentes galegas desde o mesmo momento en que comezan a preprodución dos seus próximos traballos, sempre que se trate de proxectos inseridos nas seguintes modalidades: longametraxes cinematográficas de ficción, animación e documentais; longametraxes e miniseries de ficción para televisión; series de animación para televisión; e pilotos de programas televisivos de formatos innovadores e alto potencial de internacionalización.
 
Xa cara á súa posterior rodaxe, posprodución e chegada ás pantallas, estes mesmos proxectos poderán presentarse nos anos seguintes ás subvencións da Agadic para produción e coprodución audiovisual, así como a outros fondos estatais e europeos.
 
Gastos subvencionables
No caso das axudas publicadas hoxe no DOG, considéranse como gastos subvencionables os relacionados coa adquisición dos dereitos de autor, o desenvolvemento do guión, o asesoramento e actos xurídicos, o deseño e a realización do material promocional, a contratación dun plan de márketing e a participación en mercados e foros específicos, así como os gastos de persoal e de Seguridade Social das persoas encargadas do guión, a dirección e a produción executiva, e unha porcentaxe concreta de gastos xerais e imprevistos.
 
A súa adxudicación resolverase mediante o procedemento de concorrencia competitiva, no que unha comisión puntuará cada unha das solicitudes de acordo co baremo detallado nas bases. Así, entre os criterios de valoración teranse en conta a calidade e orixinalidade do guión; a traxectoria da produtora, do/a director/a e do/a guionista; a viabilidade do proxecto e a súa potencial internacionalización, ademais da súa contribución ao fomento do sector audiovisual galego e da cultura e lingua galegas.
 
En 2015, un total de 11 produtoras independentes galegas resultaron adxudicatarias destas subvencións para a preprodución de oito novas longametraxes de ficción, unha documental e outra de animación 3D, así como do piloto dun programa para televisión.

-Máis información