PortAmérica celebra a súa quinta edición o 15 e o 16 de xullo con 20 grupos en cartel, un ShowRocking de 18 chefs e o Mercado de Talentos

  Molotov, Amaral, Izal, Bunbury, The Undertones e Love of Lesbian encabezan a programación musical, que se complementa cunha oferta gastronómica comandada por Pepe Solla e que reúne oito estrelas Michelín

  A organización presentou hoxe as diferentes actividades que se desenvolverán en Porto do Molle, no concello de Nigrán, e anunciou que se habilitarán autobuses gratuítos desde Vigo, Pontevedra e Val Miñor

PortAmérica celebra a súa quinta edición o 15 e o 16 de xullo con 20 grupos en cartel, un ShowRocking de 18 chefs e o Mercado de Talentos
[14/06/2016]
PortAmérica presentou hoxe en Vigo a oferta musical e gastronómica da súa quinta edición, que terá lugar o 15 e o 16 de xullo en Porto do Molle, en Nigrán. Ademais dos 20 concertos programados, este ano contarase coa participación de 18 chefs internacionais para fusionar música e cociña no ShowRocking e volverá abrirse o Mercado de Talentos.

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, participou nesta presentación xunto a Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra; Juan A. González, alcalde de Nigrán; Santos Héctor, deputado de Turismo; Cecilia Babarro, xefa de Comunicación de Hijos de Rivera; o chef Pepe Solla; e Joaquín Martínez e Carlos Rodríguez, director e subdirector, respectivamente, de Esmerarte Industrias Creativas, a promotora do festival.
 
Industria musical, economía e turismo
Na súa intervención, Sutil incidiu no papel deste tipo de eventos na dinamización non só da industria musical, senón tamén do turismo e a economía local. O director da Agadic gabou o traballo de Esmerarte, que conseguiu situar PortAmérica entre as principais citas festivaleiras do verán galego, así como reunir importantes apoios público e privados para consolidar o evento, que en 2015 congregou preto de 35.000 persoas.
 
Nas súas dúas anteriores edicións contou, entre outras achegas, co apoio económico da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a través da liña de subvencións da Agadic a festivais de artes escénicas e de música, cuxa convocatoria de 2016 está próxima á súa resolución.   
 
Un total de 20 bandas pasarán polos dous escenarios habilitados en Porto do Molle durante a celebración do festival. Os mexicanos Molotov serán cabeza de cartel o venres 15, día no que tocarán ademais Amaral, Izal, Nortec Collective Presents: Bostich & Fussible, FM Belfast, Sonido Gallo Negro, Amaro Ferreiro, Pony Bravo, Eme DJ e o grupo gañador do concurso de maquetas organizado polos Estudios Mans da Fundación Paideia.
 
A carteleira do sábado está encabezada por Bunbury e nela figuran tamén The Undertones, Love of Lesbian, Talisco, León Benavente, Furious Monkey House, Retrovidor, Myles Sanko, Leiden e ElyElla DJ’s.
 
Así mesmo, PortAmérica e Hijos de Rivera organizarán unha nova edición do seu ShowRocking no que, baixo a direccion de Pepe Solla, participarán 18 chefs internacionais que xuntan oito estrelas Michelín. Durante as dúas xornadas do festival, os asistentes terán a oportunidade de probar unha serie de pinchos creados especialmente por Juanjo Pérez (de Cocinandos, en León), Roberto Ruiz e María Fernández (Punto Mx, Madrid), Javier Olleros (Culler de Pau, O Grove), Yayo Daporta (Yayo Daporta, Cambados), Iván Domínguez (Alborada, A Coruña), Diego Gallegos (Sollo, Fuengirola), Julio Sotomayor (Nova, Ourense), Estanis Carenzo (Chifa, Madrid), Edgar Núñez (SUDF777, México DF), Manuel Núñez (Arume, Barcelona), Javier Estévez (La Tasquería, Madrid), Lucía Freitas (A Tafona, Santiago), Héctor López (España, Lugo), Álvaro Villasante (Paprica, Lugo), Diego López (La Molinera, Lalín), Iago Pazos (Abastos 2.0, Santiago) e Iago Castrillón (2 Estaciones, Valencia).
 
Como complemento a este programa, desenvolverase un Co-Cooking grazas ao que estudantes de diferentes escolas de hostalería terán a oportunidade de aprender e traballar xunto a estes destacados nomes da restauración galega e internacional.
 
Produtos galegos
O festival repetirá igualmente a experiencia do Mercado de Talentos, un espazo que pon a disposición de deseñadores e creadores galegos en ámbitos como a moda, a estética, a artesanía etc.
 
PortAmérica, un dos sete encontros agrupados baixo a marca Festivais Rías Baixas, ofrécelles tamén aos asistentes a posibilidade de acampar na zona habilitada, así como varias liñas de autobuses gratuítos para se desprazar a Porto do Molle desde Vigo, Pontevedra e o Val Miñor.

-PortAmérica