A animación galega preséntase no festival francés de Annecy con 'Memorias dun home en pixama', 'Psiconautas' e 'Decorado'

  O primeiro destes títulos, un dos proxectos da sección MIFA Pitches, levará ao cine a novela gráfica de Paco Roca, quen codirixe co galego Carlos Fernández esta coprodución que está a desenvolver Ladybug

  O coruñés Alberto Vázquez competirá en sección oficial coa longametraxe ‘Psiconautas’, coproducida por Zircozine, e coa curta ‘Decorado’, que conta coa participación de Abano Producións

  O encontro celébrase ata o día 18 na localidade francesa como a principal cita internacional deste sector audiovisual, que congrega uns 8.250 profesionais de 83 países

A animación galega preséntase no festival francés de Annecy con 'Memorias dun home en pixama', 'Psiconautas' e 'Decorado'
[15/06/2016]
Os filmes con participación galega ‘Memorias dun home en pixama’, ‘Psiconautas’ e ‘Decorado' foron seleccionados este ano en diferentes seccións do festival de Annecy, que se celebra nesta localidade francesa. Trátase da principal cita mundial para os profesionais do cine de animación, que congrega unhas 8.250 persoas de 83 países.

A longametraxe ‘Memorias dun home en pixama’, que están a desenvolver en coprodución a compañía galega Ladybug Films e a catalá Dream Team Concept, presentouse esta mesma mañá como parte dos MIFA Pitches, programa de ‘pitching’ do mercado do festival a través do que se dá a coñecer unha escolma dos mellores proxectos orixinais a nivel internacional. Esta é, ademais, a única longa española entre a vintena de títulos de diferentes formatos seleccionados para esta sección, á que optaban máis de 400 proxectos.
 
Tras a premiada ‘Engurras’, ‘Memorias dun home en pixama’ volverá levar á pantalla grande unha novela gráfica de Paco Roca, quen nesta ocasión codirixe o filme xunto ao galego Carlos Fernández. Ángel de la Cruz e Jordi Mendieta encárganse da produción executiva do proxecto, para o que Ladybug Films conta cunha subvención a través da convocatoria de 2015 de axudas á produción e coprodución audiovisual.
 
Competición oficial
Tamén recibiu axuda en 2012 a través desta mesma convocatoria a produtora compostelá Zircozine para coproducir xunto a Basque Films a longa ‘Psiconautas, os nenos esquecidos’, que compite na sección oficial do festival e se está a exhibir durante toda a semana en diferentes salas da localidade francesa. O coruñés Alberto Vázquez codirixe xunto a Pedro Rivero este título, que xa conta con premios á mellor longametraxe de animación nos festivais de Stuttgart (Alemaña) e Golden Kuker-Sofia (Bulgaria).
 
Alberto Vázquez foi seleccionado, así mesmo, na sección oficial de Annecy coa curta ‘Decorado’, que acaba de estrear na Quincena dos Realizadores do Festival de Cannes. Esta fita está producida por UniKo & Autour de Minuit coa participación de Alt Content e a compañía galega Abano Producións.

-Festival de Annecy