O grupo Down Compostela volve esta fin de semana ao Salón Teatro de Santiago para estrear 'Búscame a ese tipo'

  Lucas Herrador é autor e director deste espectáculo, no que participan 20 mozos e mozas con síndrome de Down e discapacidade intelectual

  As funcións serán mañá venres e o sábado ás 20.00 horas, con entrada libre previa retirada de localidades desde as 18.00 horas na billeteira do teatro

O grupo Down Compostela volve esta fin de semana ao Salón Teatro de Santiago para estrear 'Búscame a ese tipo'
[16/06/2016]
O Grupo de Teatro Down Compostela estrea esta fin de semana no Salón Teatro de Santiago a montaxe ‘Búscame a ese tipo’, escrita e dirixida por Lucas Herrador. A compañía, integrada por 20 actores e actrices con síndrome de Down e discapacidade intelectual, volve así ao escenario que acolleu o seu anterior espectáculo, con dúas funcións mañá e o sábado.
 

Lucas Herrador, autor e director da peza, presenta nesta ocasión unha obra inspirada no xénero das novelas e do cine negro, para compoñer un retrato social do mundo policial  a través de personaxes cun alto sentido da xustiza.
 
As funcións serán ás 20:00 horas entrada será libre, previa retirada das localidades na billeteira do Salón Teatro, que estará aberta a partir das 18.00 horas.
 
Ademais do traballo de distintos voluntarios nas tarefas de montaxe, a compañía contou nesta ocasión coa colaboración do pintor compostelán Rafael Romero Masiá, quen asina o cartel do espectáculo.
 
‘Búscame a ese tipo’ é a oitava obra que representa o Grupo de Teatro Down Compostela, despois da posta en escena de ‘Solo ante la Peligros’ (2015), ‘Las pruebas de Hércules’ (2014), ‘Bodas de sangre’ (2013), ‘Fuenteovejuna’ (2012), ‘Romeo y Julieta’ (2011), ‘Esopo y sus fábulas’ (2010) e ’Alicia en el país de las maravillas’ (2009).
 
Tralas representacións de ‘Búscame a ese tipo’, o escenario do Salón Teatro será ocupado o vindeiro 21 de xuño por GN Teatro con ‘Cabaret Salomé’, e o día 22 pola  Aula de Teatro Universitario de Santiago, que porá en escena ‘Cinzas’. Estas dúas producións serán as últimas en se exhibir no espazo da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, sede do Centro Dramático Galego, na presente temporada escénica 2015-2016.