'Films from Galicia' viaxa por vez primeira ao festival francés Sunny Side of the Doc para promover seis documentais

  As empresas Control Z, Danga Danga Audiovisuais, Esferobite, Somadrome, Sun Lúa e Treeline Distribution participan desde mañá no encontro de La Rochelle como parte da delegación galega organizada pola Agadic co apoio do Igape

  Presentarán ‘Unha hora menos’, de Xacobe Sineiro; ‘Esquece Monelos’, de Ángeles Huerta; ‘Versogramas’, de Juan Lesta; ‘On the Edge of the Mind’, de Alfonso de la Puente; ‘We the Media’, de Héctor Carré; e ‘O legado das rías galegas’, de Jorge J. Candán

'Films from Galicia' viaxa por vez primeira ao festival francés Sunny Side of the Doc para promover seis documentais
[19/06/2016]
A marca ‘Films from Galicia’ estará presente por vez primeira no festival francés Sunny Side of the DOC, en La Rochelle, para promover os documentais das seis empresas que integran a misión comercial galega a este mercado. A Agadic organiza esta delegación no marco do programa de internacionalización audiovisual que mantén co apoio do Igape.

As compañías galegas Control Z, Danga Danga Audiovisuais, Esferobite, Somadrome, Sun Lúa e TreeLine Distribution participan neste encontro, que se celebra desde mañá luns e ata o vindeiro xoves, para difundir os seus novos proxectos na procura de compradores, distribuidores e posibles socios internacionais. O seu traballo centrarase, respectivamente, na promoción de ‘Unha hora menos’, de Xacobe Sineiro; ‘Esquece Monelos’, de Ángeles Huerta; ‘Versogramas’, de Juan Lesta; ‘On the Edfge of the Mind’, de Alfonso de la Puente; ‘We the Media’, de Héctor Carré; e ‘O legado das rías galegas’, de Jorge J. Candán.
 
Variedade temática
Estas fitas dan conta da variedade temática (social, política, cultural, científica...) que aborda a actual produción galega de documentais e que se reflicte, así mesmo, nos 19 filmes e proxectos de non ficción recollidos no catálogo ‘Films from Galicia’, que a Agadic distribuirá entre os asistentes ao Sunny Side of the DOC desde o seu expositor no pavillón Docs from Spain. A delegación galega compartirá este gran espazo con outras 10 empresas do resto do estado e mailo ICEX do Ministerio de Economía.
 
Este encontro internacional de documentais, que se celebra desde 1989 na Rochelle, incorpórase así ao calendario anual de mercados no que o audiovisual galego está presenta a través das marcas ‘Films from Galicia’ e ‘Shorts from Galicia’: o MIPTV, o Marché du Film e o MIPCOM de Cannes (Francia), o Ventana Sur de Bos Aires (Arxentina) e o Festival Internacional de Curtametraxes de Clermont-Ferrand (Francia).
 
No caso do festival Sunny Side of the DOC, dedicado a contidos audiovisuais de non ficción, o sector reúnese durante catro días arredor dun programa de conferencias, ‘pitchings’, sesións de visionado, presentacións e intercambio comercial centrado fundamentalmente na compra-venda de proxectos e na procura de novos socios internacionais.

-Catálogo interactivo de Films from Galicia en Sunny Side of the DOC