A MIT de Ribadavia pon o foco da súa 32ª edición na súa dimensión internacional e nas olladas femininas

  A Mostra Internacional de Teatro presentou hoxe a programación que ofrecerá unha vintena de espectáculos de cinco países do 15 ao 24 de xullo

  A Xunta mantén o apoio económico a este encontro a través da Agadic, que hoxe fixo pública a resolución das axudas a outros nove festivais de artes escénicas

A MIT de Ribadavia pon o foco da súa 32ª edición na súa dimensión internacional e nas olladas femininas
[21/06/2016]
A Mostra Internacional de Teatro (MIT) de Ribadavia presentou hoxe a programación da súa trixésima segunda edición, que se desenvolverá do 15 ao 24 do vindeiro mes de xullo coa participación de 20 compañías procedentes de Lituania, Francia, Arxentina, Chile e diferentes puntos de Galicia e do resto de España.


Ademais de reforzar a súa dimensión internacional, este ano o encontro concederá un especial protagonismo ás olladas femininas a través dos traballos de actrices como a arxentina Laura Nevole, a madrileña Eva Rufo, a sevillana Carmen Gallardo ou as galegas Mabel Rivera, Belén Constenla e Patricia de Lorenzo.
 
O encontro volve contar co apoio, entre outras entidades, da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. O seu director, Jacobo Sutil, participou xunto co alcalde de Ribadavia, Ignacio Gómez, e o director artístico da MIT, Roberto Pascual, na presentación que tivo lugar na Cidade da Cultura de Galicia, en Santiago de Compostela, e na que se detallaron os principais eixos desta carteleira.
 
A Xunta de Galicia mantén a súa achega de 60.000 euros a través dun convenio de colaboración asinado co Concello de Ribadavia, mediante o que se recoñece o carácter histórico da mostra, así como a súa capacidade para se adaptar tanto ás demandas do público como ás propostas escénicas do século XXI. Así o explicou o director da Agadic, quen subliñou así mesmo o labor da MIT no ámbito da produción, que se materializará na coprodución galego-portuguesa de ‘O conto de inverno’, de William Shakespeare, baixo a dirección de Marcos Barbosa e coa participación do Centro Dramático Galego. Este espectáculo, que ten prevista a súa estrea no mes de outubro en Aveiro, poderá verse en Ribadavia en 2017.
 
Resolución da convocatoria de subvencións
Jacobo Sutil enmarcou a colaboración coa Mostra Internacional de Teatro no programa de apoio da Agadic a eventos considerados estratéxicos para as industrias culturais, do que tamén forma parte a convocatoria anual de subvencións para festivais de artes escénicas e de música. Neste sentido, anunciou que hoxe tamén se fixo pública na web www.agadic.gal a resolución destas axudas, a través das que se adxudica un total de 170.000 euros a outras nove mostras: o Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) de Carballo, a Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas, o Festival Internacional de Teatro de Ourense (FITO), o Festival Internacional de Títeres Galicreques, o Festival de Títeres de Redondela, o Festiclown de Vilagarcía, o Corpo(a)terra de Ourense, o Festival de Teatro Galego do Carballiño e a Mostra de Teatro de Cariño.
 
A memoria, a violencia, a palabra e a arte son os principais eixos temáticos ou motivos recorrentes a partir dos que a organización da MIT deseñou a súa programación de 2016, na que un dos pratos fortes será a presentación en Galicia do traballo de Oskaras Koršunovas, director do Teatro Municipal de Vilna, en Lituania. Koršunovas dirixe a posta en escena de ‘A gaivota’, de Chejov, espectáculo xurdido a raíz dos laboratorios desenvolvidos tanto no seu espazo como no Colexio de Teatro da Bienal de Venecia.
 
Nesta oferta internacional, destaca tamén a mestura de cómic, vídeo e teatro da veterana formación chilena TeatroCinema, dirixida por Juan Carlos Zagal, que chegará a Galicia coa montaxe ‘Historia de amor’.
 
Aniversario de Matarile Teatro
Como en edicións anteriores, a escena galega continuará tendo unha importante presenza nesta carteleira, que este ano concede un especial protagonismo a Matarile Teatro con motivo do seu trixésimo aniversario. A compañía de Ana Vallés e Baltasar Patiño exhibirá en Ribadavia ‘El cuello de la jirafa’, ‘Teatro invisible’ e ‘Antes de la metralla’. Esta última proposta está pensada como un encontro escénico entre diferentes profesionais do panorama artístico estatal, que se concretará nun espectáculo aberto e en evolución para se adaptar aos espazos e festivais nos que se presente trala súa estrea en Ribadavia.

-Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia