O Centro Coreográfico Galego organiza catro cursos intensivos de danza clásica cun profesorado internacional

  Os obradoiros serán impartidos en diferentes datas de xullo e agosto por mestres de renome como Gonzalo Zaragoza, Orlando Salgado e Marta García Peñate, Tino Morán e Lázaro Carreño

  O prazo de solicitude remata o vindeiro xoves 30

O Centro Coreográfico Galego organiza catro cursos intensivos de danza clásica cun profesorado internacional
[23/06/2016]
O Centro Coreográfico oferta este verán catro cursos de danza clásica impartidos por un recoñecido profesorado internacional. A unidade de danza da Xunta volverá recibir os mestres cubanos Orlando Salgado, Marta García Peñate e Lázaro Carreño, ademais de a Gonzalo Zaragoza, xefe de estudos do Conservatorio Superior de Danza de Madrid ‘María de Ávila’.

Tamén visitará a Coruña o profesor do Ballet Nacional de España (BNE) Tino Morán, quen participa por vez primeira neste programa formativo.

Dirixidos a bailaríns e bailarinas, profesorado e estudantes de danza, cada un dos encontros dispón de 12 prazas para o nivel avanzado e 25 para o intermedio. O prazo de solicitude mantense aberto ata o xoves 30 de xuño.
 
Calendario das actividades
Este calendario formativo arrancará na semana do 11 ao 15 de xullo con Gonzalo Zaragoza, quen desdeo curso 2006-07 exerce como xefe de estudos do conservatorio superior madrileño, onde imparte Técnica Clásica e Metodoloxía Didáctica da Danza Clásica. Ademais da súa experiencia docente, que se estende tamén á escola de Carmen Roche e ao Real Conservatorio Profesional de Danza ‘Mariemma’, fixo carreira internacional como bailarín en Les Ballets de Monte Carlo ou no London City Ballet, entre outros. Con estas compañías interpretou, por exemplo, os ballets 'La fille mal Gardee', 'Coppelia', 'Gaite Parissiene' e 'Theme and Variations'. En 1990 conseguiu a medalla de prata no concurso internacional de danza clásica Prix Carpeaux.
 
Orlando Salgado e Marta García Peñate, ex-primeiros bailaríns do Ballet Nacional de Cuba, impartirán un obradoiro conxunto do 18 ao 22 de xullo. Na actualidade, ambos exercen como profesores convidados do Instituto Universitario de Danza Alicia Alonso da Universidad Rey Juan Carlos de Madrid.
 
Orlando Salgado conta cunha ampla traxectoria como primeiro bailarín e mestre no Ballet Nacional de Cuba, onde foi parella de baile de Alicia Alonso, e como profesor da Universidad de las Artes na Habana. Traballou, así mesmo, no Ballet Estable do Teatro Colón de Bos Aires e, xa en España, no Ballet de Carmen Roche e no Scaena, onde foi director adxunto.
 
Pola súa banda, Marta García exerceu durante máis de 30 anos como primeira bailarina do Ballet Nacional do seu país, co que realizou actuacións en máis de 50 países de todo o mundo e onde traballou, así mesmo, como profesora, coreógrafa e repetidora. Foi tamén profesora da Universidad de las Artes de Cuba e directora do Ballet Estable do Teatro Colón porteño entre 2001 e 2004.
 
Entre o 26 e o 30 de xullo terá lugar o encontro con Tino Morán, quen ademais de ser mestre de baile do BNE, conta cunha destacada carreira como bailarín. Formou parte da Compañía Nacional de Danza (CND) baixo a dirección de Maya Plisetskaya e con mestres como o propio Lázaro Carreño, Azari Plisetski, Aurora Bosch ou Peter Stam. Sen deixar de actuar coa CND, colaborou como primeiro bailarín na Compañía de Víctor Ullate, na compañía de flamenco de Ricardo Franco e no Ballet Clásico de Madrid.
 
Técnica clásica
Lázaro Carreño pechará os cursos de verán do 8 ao 12 de agosto. O prestixioso mestre cubano é xa un dos nomes habituais nos últimos programas formativos organizados polo CCG. A unidade de danza da Xunta súmaseasí á listaxe de institucións de renome que lles ofreceron aos seus  alumnos a posibilidade de perfeccionar a técnica clásica con Carreño, como xa fixeron o American Ballet Theatre, o Royal Ballet de Londres, a Ópera de París, o Houston Ballet ou a Compañía Nacional de Danza de España, entre outras.
 
Formado nas diferentes formas e estilos da escola rusa, realizou ao longo da súa prolixa traxectoria como bailarín os máis distintos roles tanto en coreografías clásicas como contemporáneas. O seu debut profesional co Ballet Nacional de Cuba foi en 1969, no que pasou á categoría de solista en 1972, á de bailarín principal en 1974 e á de primeiro bailarín en 1976. ‘Partenaire’ de Alicia Alonso, a súa traxectoria foi merecedora de premios en Bulgaria, Rusia, Puerto Rico, Xapón ou Brasil. Obtivo tamén a Medalla ao Mérito Nacional pola Cultura, o máis destacado galardón artístico do seu país.

[Na imaxe, Marta García Peñate e Orlando Salgado. Fotografía: Belén Vázquez]