A Agadic apoia o Resurrection Fest de Viveiro na súa edición máis internacional e de maior formato

  Iron Maiden,The Offspring e Volbeat encabezan o cartel do festival, que reunirá 75 bandas do 7 ao 9 de xullo e, por primeira vez, esgotará entradas e abonos entre público de máis de 30 países

  O encontro, subvencionado pola Consellería de Cultura e Educación a través da Axencia Galega das Industrias Culturais, consolídase como o primeiro e máis antigo evento de rock e metal de toda España

A Agadic apoia o Resurrection Fest de Viveiro na súa edición máis internacional e de maior formato
[30/06/2016]
O Resurrection Fest de Viveiro presentou as novidades da súa 11ª edición, que será a de maior formato e a máis internacional da súa historia. Iron Maiden, The Offspring e Volbeat son os cabezas dun cartel de 75 bandas, que se despregará do 7 ao 9 de xullo cunha asistencia estimada de 25.000 persoas por día procedentes de máis de 30 países

O Resurrection reforza así a súa posición de liderado entre as citas europeas de heavy, hardcore e punk, ao tempo que se consolida como o primeiro e máis antigo festival de rock e metal de toda España. Ademais, e por primeira vez nos seus 11 anos de traxectoria, esgotará todas as entradas e abonos dispoñibles.
 
A Cidade da Cultura de Galicia acolleu este mediodía a presentación oficial desta undécima edición na que interviñeron Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic); Iván Méndez e David Méndez, director e subdirector do Resurrection Fest, respectivamente; María Soledad Rey, concelleira de Turismo e Comercio de Viveiro; Víctor Mantiñán, product manager de SON Estrella Galicia; e Gabriela González, directora de Relacións Institucionais de Vegalsa-Eroski.
 
Subvención da Xunta
Jacobo Sutil explicou que o de Viveiro é un dos 13 festivais profesionais de música subvencionados en 2016 pola Xunta a través da convocatoria anual de subvencións da Agadic a este tipo de eventos. De feito, subliñou que o Resurrection obtivo a mellor puntuación na recente resolución destas axudas, pola que recibirá unha achega económica de 50.000 euros, 8.000 máis que o ano pasado.
 
O director da Axencia fixo referencia ás cifras que converten este encontro nunha cita estratéxica dentro do mapa de festivais galegos: arredor de 55.000 persoas chegadas dunha trintena de países a unha localidade de 16.000 habitantes, cun impacto económico para toda a Mariña lucense estimado en 4,5 millóns de euros e a xeración duns 800 empregos directos e indirectos. Sutil gabou, neste sentido, o intenso labor de produción e de xestión que durante todo o ano leva a cabo a organización do Resurrection Fest para que cada ano toquen en Galicia bandas tan míticas como Iron Maiden.
 
Espectáculos completos de Iron Maiden e The OffSpring
Esta será a primeira das tres citas españolas da banda británica, toda unha lenda viva do heavy metal, tras máis dunha década sen visitar o país e que chegará a Viveiro co seu espectáculo completo de dúas horas de duración. Tamén repasarán os seus temas máis coñecidos nun show global os californianos The Offspring. Esta será a única oportunidade de velos este ano en España, do mesmo xeito que aos daneses Volbeat e outras importantes bandas internacionais como Bullet For My Valentine, Abbath ou Hatebreed.
 
Os tres escenarios desta undécima edición, que se abrirá o día 6 cunha festa de presentación, acollerán tamén grupos tan destacados como Bad Religion, Gojira, Madball, Brujería, Amenra, Protest The Hero, Municipal Waste ou Graveyard.
 
Entre as novidades deste ano, a organización apostou por potenciar a escenografía, ademais de ampliar o recinto festivaleiro e as zonas de acampada. Así mesmo, volve poñer a disposición dos nenos e as nenas o espazo Resukids, onde os máis pequenos poderán gozar da experiencia do festival a través do xogo e a diversión mentres os maiores se achegan aos concertos.
 
No web http://www.resurrectionfest.es/entradas/ atópase toda a información sobre a venda de billetes para este XI Resurrection Fest, que xa esgotou as entradas para o sábado e está a piques de pechar a venda de abonos.