Culturgal avanza as liñas mestras da súa novena edición baixo o lema 'Cultura, comunidade, futuro'

  A vindeira Feira das Industrias Culturais, que terá lugar en Pontevedra do 2 ao 4 de decembro, contará co apoio económico da Xunta de Galicia a través da Agadic

  O reforzo do espazo expositivo e un espectáculo especial para a primeira xornada son algunhas das premisas coas que parten os preparativos para o

Culturgal avanza as liñas mestras da súa novena edición baixo o lema 'Cultura, comunidade, futuro'
[06/07/2016]

A organización de Culturgal, a Feira Galega das Industrias Culturais, adiantou hoxe algunhas das que serán as liñas mestras e a imaxe gráfica da súa edición de 2016, que terá lugar no Pazo da Cultura de Pontevedra do 2 ao 4 de decembro como encontro profesional aberto á cidadanía e baixo o lema 'Cultura, comunidade, futuro'.


Esta novena edición do encontro promovido pola Asociación Culturgal, que aglutina os principais colectivos profesionais das industrias culturais galegas, volverá contar co apoio económico da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic).

Os preparativos para Culturgal 2016 parten con algunhas novidades como son o reforzo do espazo expositivo con máis servizos, posibilidades de situación e accións de dinamización realizadas desde os propios stands. Así mesmo, outra das incorporacións á estrutura do programa será un espectáculo especial na tarde-noite do venres 2, para ampliar aínda máis esta primeira xornada de Culturgal, dedicada tradicionalmente ás visitas de centros de ensino e ás actividades estritamente profesionais.

Arredor de 15.000 visitas
Co lema escollido para esta novena edición, 'Cultura, comunidade, futuro', a organización de Culturgal, á fronte da que están Xosé Aldea como director e Manuel Bragado como presidente, perséguese destacar o colectivo de artistas, empresarios, xestores, técnicos, escritores, xornalistas e públicos que veñen participando en Culturgal para darse a coñecer e para formar parte deste grande encontro cultural. De feito, nos últimos anos, arredor de 15.000 persoas visitaron a feira no Pazo da Cultura de Pontevedra. Así, a comunidade enténdese como xeito de asumir novos retos desde o punto de vista profesional e como concepto imprescindible resultante de compartir cultura e lingua.

Culturgal 2016 mantén nestes momento aberto prazo de reserva de stands, así como a convocatoria para creadores e profesionais, que teñen ata o 2 de outubro para facer propostas para configurar o programa de actividades.


-Cartel de Culturgal 2016
-Web de Culturgal