A Agadic apoia o festival de danza e artes do corpo 'Corpo(a)terra', que se desenvolverá en Ourense do 7 ao 9 de xullo

   A Consellería de Cultura e Educación colabora cunha achega de máis de 10.000 euros a través da convocatoria de axudas a eventos de artes escénicas de Agadic

  O festival desenvólvese do 7 ao 9 de xullo na cidade das Burgas e conta coa participación de grupos procedentes de Costa Rica, Países Baixos, Alemaña, Portugal e tamén de Galicia e do resto de España

  Varias prazas e espazos urbanos convértense en escenario dos espectáculos programados neste evento cultural

A Agadic apoia o festival de danza e artes do corpo 'Corpo(a)terra', que se desenvolverá en Ourense do 7 ao 9 de xullo
[06/07/2016]
O Festival de Danza e Artes do Corpo de Ourense Corpo(a)terra, que conta con subvención da Agadic, presentou hoxe a programación da súa sexta edición, que se desenvolverá do 7 ao 9 de xullo coa participación de compañías procedentes de Costa Rica, Países Baixos, Alemaña, Portugal e tamén de Galicia e do resto de España.

A delegada da Xunta de Galicia en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, participou hoxe na presentación na que se detallaron as principais novidades e ofertas deste festival. Díaz Mouteira  enmarcou a colaboración con Corpo(a)terra na convocatoria anual de subvencións para festivais de artes escénicas e de música. En concreto, este festival recibe unha achega de máis de10.000 euros. Na provincia de Ourense tamén resultaron beneficiados con estas axudas o Festival Internacional de Teatro de Ourense (FITO) e o Festival de Teatro Galego do Carballiño.
 
Corpo(a)terra, organizado pola Asociación trasPediante Cultura, é unha iniciativa cultural que traballa na liña de saír á rúa para buscar público, ofrecer cultura en espazos atípicos e dinamizar a vida da cidade.
 
Durante os tres días que dura o festival varias prazas e espazos urbanos da zona vella convértense en escenario. A programación comezará mañá, día 7, a partir das 21.00 horas, na praza de Santa Eufemia co espectáculo da artista galega Clara Ferrao.

-Web do festival Corpo(a)terra