Novas
Profesionais do audiovisual participan nunha sesión informativa da Agadic e a oficina MEDIA España



O director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, e mais o director da Oficina MEDIA España, Peter Andermatt, foron os encargados de presentar esta xornada, que forma parte de Galicia ProFilme, programa posto en marcha pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria en 2014 para contribuír ao coñecemento e ao intercambio de experiencias nos distintos eidos do audiovisual.
Partindo da clasificación de España como un dos cinco grandes países europeos en canto á produción audiovisual, na sesión tratáronse asuntos como as consecuencias do reparto de axudas europeas e a análise dos resultados acadados nos dous últimos anos, a mellora da competitividade e as fórmulas para acadar un maior apoio desde as axudas europeas, a adaptación que suporá o cambio da Revolución Dixital á Evolución Dixital ou a transformación que está a vivir o mercado audiovisual español.
Preto de 1 millón de euros
No encontro púxose de manifesto que as empresas audiovisuais galegas conseguiron captar da Unión Europea nos últimos nove anos preto de 1 millón de euros para un total de dez proxectos, entre os que se atopan sobre todo títulos de ficción, pero tamén de animación e documentais.
A xuntanza serviu, ademais, para dar a coñecer o proxecto do novo Plan de Acción da Oficina MEDIA España e para recoller as suxestións dos presentes cara a este documento, que se pretende sexa a ferramenta coa que o sector audiovisual español estableza a súa folla de ruta na súa relación con MEDIA, un dos subprogramas de Europa Creativa e pertencente desde 2014 á Dirección Xeral de Economía Dixital da Comisión Europea.