O Centro Dramático Galego inicia os ensaios de 'Tartufo' baixo a dirección artística de Carles Alfaro

  A versión galega desta coñecida comedia de Molière estrearase o 23 de setembro no Salón Teatro de Santiago, onde poderá verse ata mediados de outubro para iniciar a continuación unha xira que se prolongará ata finais de ano

  Casilda Alfaro, César Cambeiro, Antela Cid, Xoán Fórneas, Mónica García, Marta Lado, Roberto Leal, Rebeca Montero, Alejandro Saá e Patricia Torres conforman o elenco elixido nun proceso público de selección

O Centro Dramático Galego inicia os ensaios de 'Tartufo' baixo a dirección artística de Carles Alfaro
[02/08/2016]
O equipo artístico e técnico do espectáculo ‘Tartufo’, a produción propia coa que o Centro Dramático Galego (CDG) abrirá a súa temporada 2016-17, acaba de iniciar os ensaios cara á estrea que terá lugar o venres 23 de setembro no Salón Teatro de Santiago de Compostela.

Para a posta en escena desta versión galega da coñecida comedia de Molière, a compañía da Xunta de Galicia conta co director Carles Alfaro, fundador da compañía Moma Teatre, quen ten dirixido numerosas montaxes para outros centros públicos de produción como Teatro de La Abadía, Centro Dramático Nacional, Compañía Nacional de Teatro Clásico, Teatro de la Zarzuela, Teatro Español en Madrid, Teatro Nacional de Catalunya ou Teatre Lliure, entre outros.
 
Xunto a el traballan xa na sede do CDG os 10 actores e actrices elixidos tras a convocatoria dun proceso público de selección no que participaron máis de 230 candidatos. Neste elenco figuran tanto novos talentos como nomes moi coñecidos da nosa escena: Casilda Alfaro, César Cambeiro, Antela Cid, Xoán Forneas, Mónica García, Marta Lado, Roberto Leal, Rebeca Montero, Alejandro Sáa e Patricia Torres.
 
Equipo artístico
Carles Alfaro está acompañado, ademais, dun equipo artístico formado por Baltasar Patiño na escenografía, Diego Valeiras no deseño de vestiario, Anxo Graña na composición musical, Loli Ramos na tradución do texto de Molière e Vanesa Sotelo na asistencia de dirección; así como do equipo técnico do Centro Dramático Galego. 
 
Con ‘Tartufo’, o Centro Dramático Galego incorpora a seu repertorio outro dos grandes clásicos da dramaturxia universal. Trátase dunha comedia de enredos que, pese á súa aparente lixeireza, posibilita unha segunda lectura sobre o peso das aparencias e o risco de confundir hipocrisía con honestidade.
 
O novo espectáculo do CDG poderá verse na súa sede do Salón Teatro ata o 16 de outubro, data a partir da que iniciará unha ampla xira que se estenderá ata finais de ano.

-'Tartufo' no web do CDG