'Cultura no Camiño' leva 97 actuacións escénicas e musicais a 48 concellos das rutas xacobeas durante o mes de agosto

  Esta cuarta edición da iniciativa, promovida pola Agadic e Turismo de Galicia en colaboración cos concellos participantes, volve contar co patrocinio de Gadis para as máis de 360 funcións que teñen lugar de abril a setembro

  Insírese na programación de verán que está a desenvolver a Consellería de Cultura e Educación baixo o lema ‘Galicia Culturea’

'Cultura no Camiño' leva 97 actuacións escénicas e musicais a 48 concellos das rutas xacobeas durante o mes de agosto
[03/08/2016]
A actividade escénica e musical do programa ‘Cultura no Camiño’ continuará durante agosto con 97 actuacións de diferentes artistas e grupos galegos en 48 dos concellos asociados a esta iniciativa. A cuarta edición do ciclo, organizado pola Xunta a través da Agadic e Turismo de Galicia, arrancou o 16 de abril e se estenderá ata o 30 de setembro.

O obxectivo é contribuír á dinamización cultural das localidades polas que discorren as diferentes rutas xacobeas na nosa Comunidade, a través de máis de 360 funcións de teatro, danza, música, danza, maxia e novo circo. Cóntase para tal fin coa colaboración de Gadis, que repite como empresa patrocinadora do programa, así como dos 99 municipios inscritos este ano, todos eles situados nalgunha das rutas de peregrinación a Compostela: Camiño Francés, Camiño de Fisterra-Muxía, Camiño de Inverno, Camiño do Norte, Camiño do Sueste-Vía da Prata, Camiño Inglés, Camiño Portugués, Camiño Portugués pola Costa, Camiño Primitivo e Ruta do Mar de Arousa e Río Ulla.
 
‘Galicia Culturea’
Este calendario cultural insírese á súa vez no programa ‘Galicia Culturea’, que se desenvolve en 166 localidades das catro provincias.
 
No caso de ‘Cultura no Camiño’, en agosto desenvolveranse actuacións durante a práctica totalidade dos días e, na meirande parte dos casos, en recintos ao aire libre co obxectivo de garantirlle a accesibilidade ao maior número posible de cidadáns, peregrinos e visitantes.
 
Roi Casal en Cambados e Vaia Trío en Ourense
Así, nesta primeira semana do mes terán lugar 27 representacións e actuacións musicais en 23 concellos. Entre elas, concertos como o que que Roi Casal ofrecerá mañá en Cambados ou o de Vaia Trío, tamén mañá en Ourense. Emilio Rúa tocará o venres 5 en Riós, mentres que Paty Lesta & The Hits estarán o sábado 6 en Baleira e o Trío Siboney, o domingo 7 en Miño.

Esta semana prográmanse, así mesmo, 12 espectáculos de teatro e narración oral tanto para público infantil como adulto. Tras a función de Caxoto Contacontos onte en Meaño, o calendario teatral de ‘Cultura no Camiño’ continuará hoxe con ‘Go On!’, de Malasombra, en Baños de Molgas; mañá xoves con ‘O misterio das burbullas’, de Pucho e Gabardina, en Sober; o venres con ‘Feirantes’, de Artestudio, en Rodeiro e ‘Laia, aprendiz de maga’, de Animar-T, en Barreiros; o sábado con ‘Lume’, de Troula Animación, no Pino e ‘Contos da terriña’, de DinamoTeatro, en Vilariño de Conso; e o domingo con ‘A invasión pirata’, de Troula Animación, en Quiroga; ‘Actos de protocolo’, de Queiman e Pousa, en Portomarín; ‘Contos e outras andrómenas’, de Pedro Brandariz, en Nigrán; e ‘Hakuna Matata’, de Troula Animación, en Ribeira.
 
En canto á maxia, o Mago Rafa actuou o pasado día 1 en Monterroso, mentres que o mago Romarís farao mañá en Ordes e o venres en Caldas de Reis; Mundo Mandarina, o venres na Fonsagrada; Apren-Deimi, o sábado en Quiroga; e o Mago Antón, o domingo en Dumbría.
 
Esta carteleira semanal complétase cos espectáculos de novo circo ‘Guillermo solo’ e ‘Manicus’, de Pistacatro, programados en Ordes o pasado día 1 e na tarde de hoxe, respectivamente.
 
O calendario completo de ‘Cultura no Camiño’ está dispoñible para a súa consulta no web da Agadic (agadic.gal/culturanocamino), así como na sección de axenda da páxina de Cultura da Xunta de Galicia (cultura.gal/gl/axenda).