A Agadic convoca axudas para a promoción do cinema galego en festivais de prestixio internacional

  Segundo as bases publicadas no DOG, poderán optar aqueles filmes seleccionados nalgunha das 38 mostras incluídas na listaxe e entre as que se atopan a Berlinale, Cannes, Locarno, Rotterdam, San Sebastián ou Málaga, entre outras

  É a novena e última das liñas de subvención aos distintos sectores das industrias culturais impulsadas este ano pola Xunta

A Agadic convoca axudas para a promoción do cinema galego en festivais de prestixio internacional
[05/08/2016]
A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) publicou as bases das subvencións para a promoción e difusión do cinema galego en festivais e mostras de prestixio nacional e internacional, celebrados fóra de Galicia entre o 1 de xaneiro e o 30 de novembro de 2016, coas que completa as convocatorias do seu programa anual de axudas públicas.

En concreto, esta é a novena liña de apoio destinada en 2016 ás industrias culturais e a quinta dirixida especificamente ao sector audiovisual.

Esa convocatoria, publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG), ten como obxectivo apoiar as produtoras e creadores galegos na promoción internacional daqueles traballos que teñan sido seleccionados nalgunha das 38 mostras recollidas nas bases, que abranguen moi diferentes liñas de programación e xéneros cinematográficos. Nesta listaxe, que inclúe os 19 festivais clasificados pola Federación Internacional de Produtores Cinematográficos (FIAPF), figuran encontros tan recoñecidos como a Berlinale, Cannes, Karlovy Vary, Locarno, Biennale de Venecia, Mar del Plata, Toronto, Rotterdam, Bafici de Bos Aires, Sundance, Annecy, Clermont-Ferrand, San Sebastián, Cinema Jove de Valenecia, Sitges, Málaga, Sevilla ou a Seminci de Valladolid, entre outros.
 
Orzamento
A Agadic reserva un orzamento inicial de 30.000 euros para estas axudas, ademais de establecer os importes fixos que poderá percibir cada solicitante segundo o festival e/ou sección no que sexa seleccionado, e que se sitúan entre 1.000 e os 5.000 euros. Estas contías poderán destinarse, entre outros gastos, a campañas de publicidade da participación no encontro, elaboración e transporte do material promocional específico, contratación de empresas de relacións públicas ou axentes de prensa para o evento, desprazamento e estadía no festival dun máximo de 5 persoas do equipo, e tiraxe e/ou subtitulado das copias.
 
O prazo de solicitude ábrese hoxe e esténdese ata o 5 de setembro para a actividade promocional naqueles eventos xa celebrados; e para os restantes, durante un mes desde que se produza a comunicación oficial por parte do festival, co 15 de novembro como data límite.
 
Proxección exterior do audiovisual galego
Este ano 2016 o audiovisual galego está a ter unha destacada presenza en moitos destes festivais, conseguindo seleccións e mesmo premios nalgúns dos eventos máis destacados do calendario internacional. É o caso da longametraxe ‘Mimosas’, de Oliver Laxe, seleccionada e galardoada na Semana da Crítica de Cannes, ou da curta ‘Tout le monde aime le bord de la mer’, de Keina Espiñeira, quen recibiu unha mención especial no Festival de Rotterdam.
 
En Cannes tamén competiu ‘Decorado’, de Alberto Vázquez, quen ademais participou no festival de animación de Annecy con ‘Psiconautas’. Máis exemplos atopámolos na Bafici de Bos Aires, onde competiu Víctor Hugo Seoane con ‘Verengo’, ou o documental ‘No Cow on the Ice’, co que Eloy Domínguez Serén estivo no Festival Internacional de Cine de Mar del Plata e no de cine europeo de Sevilla, entre outros.
 
Así mesmo, ‘María y los demás’ (na imaxe), coprodución da compañía galega Frida Films con Avalon, acaba de ser seleccionada para a sección Nuev@s Director@s do Festival de San Sebastian e a curtametraxe ‘A liña política’, de Santos Díaz, para o Festival de Locarno.

-Máis información sobre a convocatoria na nosa sección de avisos