A Agadic fomenta a presenza da escena e a música de Galicia en 21 países a través das axudas á distribución nas industrias culturais

  Publicou a terceira e última resolución ao abeiro desta convocatoria, coa que completa a adxudicación dos 420.000 euros destinados a estas subvencións

  Apóianse 520 actuacións en diferentes localidades galegas e españolas, así como de Alemaña, Arxentina, Bélxica, Brasil, Canadá, Colombia, Costa Rica, Dinamarca, Estados Unidos, Finlandia, Francia, Israel, Irlanda, Luxemburgo, México, Perú, Polonia, Portugal, Reino Unido, Romanía e Suíza

A Agadic fomenta a presenza da escena e a música de Galicia en 21 países a través das axudas á distribución nas industrias culturais
[10/08/2016]
A Agadic da Consellería de Cultura e Educación completou a adxudicación das súas axudas ás actividades de distribución nas industrias culturais, a través das que apoia a realización dun total de 520 actuacións escénicas e musicais de formacións galegas en 21 países, ademais de en diferentes localidades de Galicia e do resto de España.

Tras a súa aprobación polo Consello Reitor da Agadic, publicouse no web www.agadic.gal/axudas a terceira e última resolución ao abeiro desta convocatoria anual coa que queda, ademais, esgotado o orzamento de 420.000 euros reservado para 2016.
 
Esta liña de subvención inclúe, así mesmo, o fomento da actividade promocional desenvolvida por empresas culturais galegas nunha trintena de mercados internacionais dedicados principalmente aos sectores da música, o teatro e a arte contemporánea. É o caso de Womex en Budapest, Seoul Jazz Festival, South by Southwest en Austin, Primera Línea na Habana, Culturas e Arco en Madrid e Fetén en Xixón, entre outras feiras profesionais.
 
Xiras internacionais
Do total do orzamento adxudicado, preto de 263.000 euros destínanse a cofinanciar 409 actuacións de compañías escénicas e grupos de música galegos en diferentes localidades españolas, así como noutros 21 países de todo o mundo: Alemaña, Arxentina, Bélxica, Brasil, Canadá, Colombia, Costa Rica, Dinamarca, Estados Unidos, Finlandia, Francia, Israel, Irlanda, Luxemburgo, México, Perú, Polonia, Portugal, Reino Unido, Romanía e Suíza.
 
No caso da música, nesta relación atópanse, por exemplo, a xira ‘Inter-Celtic’ de Carlos Núñez por diferentes escenarios de Alemaña, Bélxica, España, Francia, Luxemburgo e Suíza; os concertos de Furious Monkey House (na imaxe) en Benicassim, Madrid, Valencia e Vic; Vaamonde, Lamas e Romero no Festival Intercéltico de Lorient; Davide Salvado en Helsinki; Vacas no Festival Arcu Atlántico de Xixón; Uxía & Narf en Estados Unidos; Cuarteto Caramuxo en Toulouse; Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre en Bélxica e León, a xira suíza de Leilía e a estatal de Luar na Lubre.
 
No apartado de teatro, contribúese ás representacións de varios dos espectáculos de Producións Teatráis Excéntricas en toda a Península; de Lois e Paula Blanco no festival Lady Shakespeare de Londres; de O Retrete de Dorian Grey en Cataluña, Alemaña, Dinamarca, Israel e Romanía; de Ibuprofeno Teatro no ‘Mujeres cuentan’ de Cantabria e en Vila Real (Portugal); así como ás xiras españolas de Voadora, Eme2 e Baobab Teatro, entre outras compañías.
 
Por último, en novo circo apóiase a participación de Antón Coucheiro en diferentes encontros de clown en Colombia e Perú, a xira de Pistacatro por México e Costa Rica, e a española de AirenoAr; mentres que en danza, as actuacións de Traspediante e Pisando Ovos en Costa Rica, e a representación en Polonia do espectáculo ‘Ensaio amor’.
 
No caso da categoría destinada á distribución de espectáculos escénicos no territorio galego, destínanse 110.000 euros a a impulsar a posta en escena dun total de 111 funcións en 54 localidades galegas a cargo de oito compañías: Aporía Teatro, Contraproducións, Ibuprofeno Teatro, Malasombra, Producións Teatráis Excéntricas, Redrum Producciones, Talía Teatro e Tanxarina Títeres.

-Terceira e última adxudicación
-Apartado de axudas