O ciclo 'Danza 3' chega ao seu ecuador coas actuacións de O Fiadeiro en Castrelo de Miño e A Cañiza

  A Agadic volve colaborar con esta agrupación viguesa, con Cantigas e Agarimos de Santiago e con Xacarandaina da Coruña no desenvolvemento dunha nova edición deste programa, que busca transmitirlles aos espectadores a riqueza do noso folclore

  As próximas citas ata completar as 12 incluídas no cartel serán en setembro no Barco e en Palas, en outubro en Sarria e Arteixo, e en novembro en Valga

O ciclo 'Danza 3' chega ao seu ecuador coas actuacións de O Fiadeiro en Castrelo de Miño e A Cañiza
[12/08/2016]
O programa ‘Danza 3’ de difusión da música e o baile tradicionais chega ao seu ecuador coas actuacións que O Fiadeiro desenvolverá mañá en Castrelo de Miño e o luns 15 na Cañiza. A Agadic  promove una nova edición deste ciclo xunto coas agrupacións do colectivo XOC: Xacarandaina da Coruña, O Fiadeiro de Vigo e Cantigas e Agarimos de Santiago.

A formación viguesa protagoniza as dúas próximas citas de ‘Danza 3’, que terán lugar mañá sábado, ás 21.30 horas, no Parque Náutico de Castrelo de Miño, e o luns, ás 18.00 horas, na Praza Maior da Cañiza. Nelas, O Fiadeiro exhibirá a pé de rúa unha escolma do seu amplo repertorio nunha proposta artística preparada especialmente para cada espazo e a través da que se busca implicar o público, de xeito que cada función é única e espontánea. O calendario de actuacións estenderase ata outono para ofrecer un total de 12 actuacións noutros tantos concellos galegos.
 
Carácter divulgativo
Ademais da súa vertente artística, este ciclo ten así mesmo un marcado carácter divulgativo e promocional na procura dunha maior proxección social da música e do baile tradicionais, así como do labor de recolleita, conservación e transmisión que levan a cabo este tipo de agrupacións en toda Galicia.
 
‘Danza 3 2016’, que arrancou en xuño en Mondoñedo e visitou tamén Oza-Cesures, Melide, A Baña e Vila de Cruces, continuará en setembro coas representacións de O Fiadeiro o día 17 no Teatro Lauro Olmo do Barco de Valdeorras e de Cantigas e Agarimos o día 18 na Praza do Concello de Palas de Rei. Xa en outubro, Xacarandaina estará o día 1 na Casa da Cultura Sarria e o día 15 en Arteixo, mentres que en novembro Cantigas e Agarimos actuará no Auditorio Municipal Valga.
 
Tres galas
Se no caso das actuacións ao aire libre as tres formacións adaptan o seu repertorio para compartir co público asistente a súa festa de música e baile, nas tres citas que terán lugar en recintos pechados (Casa da Cultura de Sarria, Teatro Lauro Olmo do Barco e Auditorio Municipal de Valga) as postas en escena desenvolveranse a xeito de gala ou espectáculo total. Así, Cantigas e Agarimos representará ‘Balbino’, no que lembra a figura e a obra de Xosé Neira Vilas; Fiadeiro escenificará ‘Esta noite hai unha fía: nas catro esquinas’ e Xacarandaina preparará unha gala na que os seus grupos de música e baile tradicional compartirán escenario coas xentes do pobo que viviron e conservaron o noso folclore.
 
Neste sentido, as tres montaxes serven de homenaxe a todas as persoas que exerceron e exercen de transmisores e baluartes da danza e a música tradicionais galegas. Con elas, as agrupacións do colectivo XOC –que suman máis de 1.500 socios– están a difundir tamén a petición que lle farán chegar ao Ministerio de Educación e Cultura para conseguir a declaración BIC, paso previo á presentación diante da Unesco da candidatura do ‘Baile e música de Galicia’ a Patrimonio Inmaterial da Humanidade.