A oferta infantil das redes de espectáculos da Agadic achegará 166 actuacións a 31 localidades

  Forma parte da nova carteleira semestral da Rede Galega de Teatros e Auditorios, Rede Galega de Salas e Rede Galega de Música ao Vivo, que acollerán 413 funcións de teatro, danza, música, maxia e novo circo ata finais de ano

 A oferta infantil das redes de espectáculos da Agadic achegará 166 actuacións a 31 localidades
[26/08/2016]
O público familiar mantén o seu protagonismo na nova oferta semestral dos circuítos de espectáculos da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), que acollerán ata finais de ano 166 actuacións de teatro, danza, música, maxia e novo circo pensadas prioritariamente para os espectadores máis novos.

Un total de 64 compañías, a maioría delas galegas, presentarán as súas últimas propostas infantís en 31 localidades da Rede Galega de Teatros e Auditorios, Rede Galega de Salas e Rede Galega de Música ao Vivo como parte dunha carteleira xeral conformada por 413 funcións escénicas e musicais.
 
Este calendario cultural insírese, á súa vez, no programa ‘Galicia Culturea’, que Cultura e Educación está a desenvolver desde este verán en máis de 166 localidades das catro provincias.
 
Salas privadas
O teatro infantil ten unha presenza especialmente relevante no caso da Rede Galega de Salas, circuíto financiado pola Agadic co obxectivo de contribuír á estabilidade na programación das salas privadas de artes escénicas. Neste caso, 49 do total de 64 funcións previstas están dirixidas ao público máis novo.
 
Teatro del Andamio e a Sala Gurugú da Coruña, Ingrávida do Porriño e a sede da Fundación SGAE en Santiago de Compostela acollerán como parte desta rede os novos espectáculos de 18 compañías como A Xanela do Maxín, Artello Teatro, Caramuxo Teatro, Elefante Elegante, Katarsis, Os Contos de Pablísimo, Pinga Teatro, Títeres Alakrán, Títeres Cachirulo, Títeres Cascanueces e Trinketrinke Teatro, entre outras. Ademais, haberá lugar para a danza de Zig Zag e o espectáculo musical de Magín Blanco.
 
En canto á Rede Galega de Teatros e Auditorios, a oferta infantil constitúe case a metade da programación que se desenvolve entre os meses de xullo e decembro, con 116 actuacións do total de 236 en cartel a cargo de 48 formacións artísticas.
 
Xunto con algunhas das compañías que tamén participan na rede de salas, a de teatros e auditorios de xestión pública acolle as últimas montaxes teatrais de Animundis, Baobab Teatro, EducaTeatro, Eme2, Galitoon, Ghazafelhos, Limiar Teatro, Pérez&Fernández, Redrum Producciones, Sarabela Teatro ou Talía Teatro, así como a danza de As Dríadas ou Entremans, a maxia de A Illa dos Nenos, Cayetano Lledó ou Mago Rafa e a música de Lydia Botana, As Maimiñas, Luis Vallecillo e a Banda do Cuberto e Odaiko.
 
Por último, a Rede Galega de Música ao Vivo ofreceu o pasado mes de xullo no Novo Marrucho de Baiona unha actuación de novo circo para todos os públicos a cargo de Peter Punk con ‘Peor imposible’.
 
A programación semestral destes tres circuítos pode ser consultada a través das seccións de axenda do web de Cultura da Xunta de Galicia (www.cultura.gal) e da Agadic (www.agadic.gal/Axenda).

Na imaxe, 'O poder de Amabel', de Pérez&Fernández. Foto: Corsino