A Agadic subvenciona o festival WOS de Santiago como cita clave para os seguidores da música de vangarda

  Celebrarase do 7 ao 11 de setembro nunha decena de espazos da cidade, que acollerán máis de 40 propostas culturais entre concertos, encontros profesionais e actividades centradas nas artes visuais, a escena, o cinema e a gastronomía

  A organización presentou hoxe as últimas confirmacións dun cartel entre o que se atopan figuras internacionais como Silver Apples, Thee Oh Sees, Roly Porter & MFO, Dead Meadow e The Soft Moon

A Agadic subvenciona o festival WOS de Santiago como cita clave para os seguidores da música de vangarda
[01/09/2016]
A organización do festival WOS de Santiago presentou hoxe as últimas confirmacións do cartel da súa terceira edición, que reunirá do 7 ao 11 de setembro destacados nomes da vangarda musical internacional. O evento conta co apoio da Consellería de Cultura e Educación como un dos festivais profesionais de música subvencionados pola Agadic.

O director da Agadic, Jacobo Sutil, interveu nesta rolda de prensa xunto cos representantes do WOS –o seu director, Iván Arias, e a súa directora de Comunicación, Anxela Baltar–, a concelleira de Turismo de Santiago, Marta Lois, e a directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura de Galicia, Beatriz González Loroño. A Cidade da Cultura é un dos 11 espazos composteláns que acollerán as máis de 40 propostas culturais que ofrece o evento entre concertos, encontros profesionais e actividades centradas nas artes visuais, a escena, o cinema e a gastronomía.
 
Elementos diferenciadores
Jacobo Sutil felicitou á empresa Work on Sunday, organizadora do festival, por conseguir que “con tan só dúas edicións anteriores esteamos a falar xa dun evento de referencia dentro da música de vangarda”. Neste sentido, o director da Agadic subliñou varios “elementos diferenciadores” que lle permiten ao WOS “destacar no panorama galego e mesmo estatal como unha iniciativa con moito futuro”.
 
En primeiro lugar, incidiu na súa condición como primeiro festival urbano e ‘indoor’ de Galicia, que aposta pola deslocalización dentro da propia cidade a través dunha extensa oferta que ocupará durante cinco días unha decena de espazos de Santiago, desde o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) ata a Cidade da Cultura, pasando polo Mercado de Abastos, a Igrexa da Universidade, o Teatro Principal e diferentes salas de concertos.
 
O director da Agadic tamén destacou a ampla visión da cultura máis alternativa deste programa. “Sen perder a música como o seu principal referente, ten unha clara vocación multifacética que se reforza, ademais, con conferencias e encontros profesionais”, asegurou. Neste último apartado abordaranse, entre outras cuestión, as posibilidades das novas tecnoloxías no ámbito da xestión cultural ou o impacto da innovación audiovisual nas industrias culturais. Organizarase, ademais, un encontro con Simeon Coxe, cofundador de Silver Apples e figura imprescindible da música electrónica desde finais dos anos sesenta, quen ofrecerá en Santiago o primeiro concerto da xira europea de presentación do seu novo disco
 
Cartel internacional
No cartel de WOS, ao que se acaban de incorporar Vessel, Black Cobra, Tin Man, Pigs Pigs Pigs Pigs Pigs Pigs Pigs, Aries, Pablo Electrocute e Dj-Firmeza, figuran outros destacados nomes do panorama internacional, como Thee Oh Sees, Roly Porter & MFO, Dead Meadow e The Soft Moon, ademais de grupos galegos como Triángulo de Amor Bizarro, Disco Las Palmeras!, Duister, Malandrómeda ou Sen Senra.
 
WOS será tamén un dos escenarios da estrea mundial do documental de Nick Cave ‘One More Time With Feeling’, así como da estrea galega da peza de danza ‘Symbiosis’, de Ziomara Hormaetxe, e do espectáculo de ‘performance’ ‘El caballo del sueño’.
 
No web wosfestival.es xa está activada a venda de entradas e de abonos ‘Premium’, para as actividades dos cinco días, e ‘Weekend’, para as que se desenvolverán do venres ao domingo.