Galicia conmemora o centenario da viaxe de Lorca a esta terra cun concerto especial no Salón Teatro

  O guitarrista Samuel Diz presentará o 27 de outubro o seu disco ‘Impresiones y paisajes, como el primer libro de Lorca’, nun espectáculo en diálogo cun dos maiores coñecedores da figura do poeta, o hispanista Ian Gibson

  Música e pensamento uniranse neste concerto, apoiado pola Xunta de Galicia, á palabra da xornalista Carolina Alba, que declamará fragmentos da obra lorquiana

  Na presentación do proxecto, o secretario xeral de Cultura destacou a “dimensión afectiva e creativa” da vinculación de Lorca con Galicia

Galicia conmemora o centenario da viaxe de Lorca a esta terra cun concerto especial no Salón Teatro
[14/09/2016]
Coincidindo co centenario da primeira viaxe de Federico García Lorca a Galicia, Santiago de Compostela acollerá, o próximo 27 de outubro, un espectáculo singular para afondar na figura do escritor e na súa vinculación con esta terra, que terá lugar ás 20:30 horas no Salón Teatro.

Música, palabra e pensamento centrarán un concerto especial no que o guitarrista Samuel Diz presentará o seu traballo discográfico ‘Impresiones y paisajes, como el primer libro de Lorca’, en diálogo cun dos maiores coñecedores da vida e da obra do poeta, o hispanista Ian Gibson. O músico galego e o historiador irlandés compartirán o próximo 27 de outubro o escenario do Salón Teatro, lugar onde tivo lugar esta mañá a presentación do concerto, nunha rolda de prensa que contou coa participación do secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; da directora do Centro Dramático Galego, Fefa Noia; e do propio Samuel Diz.
 
A figura do poeta a través de Ian Gibson
Samuel Diz propón “un camiño musical que nos permite afondar na vinculación do poeta coa nosa terra e de introducirnos na personalidade creativa do autor nun plano moito menos coñecido: a súa relación coa música e co universo musical da Xeración do 27”, afirmou Anxo Lorenzo.
 
O xermolo deste espectáculo conmemorativo atópase nas impresións que Lorca anotou no seu caderno durante o seu periplo formativo en Galicia –nunha viaxe organizada polo seu profesor Martín Domínguez Berrueta para que os seus alumnos coñecesen o patrimonio do norte de España– e que despois se publicaron no que foi o primeiro libro do poeta,  ‘Impresiones y paisajes’, título que lle dá nome ao traballo discográfico que se presentará no concerto conmemorativo.
 
Lorca e Gailcia, unha vinculación “afectiva e creativa”
Esa viaxe de estudos en 1916 foi para Lorca unha descuberta inicial da paisaxe de Galicia, da obra de Rosalía de Castro etc., á que despois seguiría a construción dunha fonda amizade con escritores e intelectuais galegos como Blanco Amor, Dieste, Guerra da Cal, e músicos como Bal y Gay. “Esta vinculación –dixo Anxo Lorenzo–, que adquiriu unha dimensión afectiva e creativa, deu mesmo como resultado esa incursión do escritor na lingua galega para a construción deses ‘Seis poemas galegos’; un feito insólito, cargado de simbolismo, xa que Lorca non escribiu en ningunha outra lingua”.
 
“Desde a Consellería de Cultura e Educación, e co espazo do Salón Teatro como marco máis axeitado, no corazón mesmo da Compostela vella que Lorca admiraba, parécenos moi interesante podermos afondar na obra e na personalidade de Lorca desde a súa relación con Galicia e desde un formato distinto: un evento divulgativo e artístico, que desexamos que esperte o interese do público”, concluíu. 
 
Samuel Diz propón para este concerto conmemorativo da primeira viaxe de Lorca a Galicia unha escolma de pezas do seu novo traballo discográfico, no que recupera a música dalgúns dos principais protagonistas da Xeración do 27.
 
No espectáculo, que será de entrada gratuíta ata completar a capacidade, o guitarrista de Tui tamén se acompañará da voz da compostelá asentada en Madrid Carolina Alba, locutora de Radio 3, que será a encargada de declamar unha escolma de textos xornalísticos e de fragmentos da obra lorquiana.