Cinemas de Galicia achegaralles 45 novas sesións de cine galego e europeo aos espectadores dos 10 concellos da rede

  A programación de setembro a decembro arrancará este sábado coa proxección de ‘Maimiño e o espello máxico’ en Verín e de ‘Lobos sucios’ en Cariño

  A Agadic promove este circuíto de exhibición cinematográfica, no que tamén participan os municipios de Allariz, As Pontes, Celanova, Cedeira, Foz, O Carballiño, O Grove e Ortigueira

Cinemas de Galicia achegaralles 45 novas sesións de cine galego e europeo aos espectadores dos 10 concellos da rede
[15/09/2016]
A nova carteleira de‘Cinemas de Galicia dá comezo esta fin de semana coas primeiras das 45 sesións de cinema galego e europeo que terán lugar ata finais de ano nos dez concellos integrantes deste circuíto promovido pola Consellería de Cultura e Educación a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic).

Coas proxeccións este sábado 17 das producións galegas ‘Maimiño e o espello máxico’ en Verín e ‘Lobos sucios’ en Cariño arranca o segundo período de programación anual nesta rede, da que tamén forman parte Allariz, As Pontes de García Rodríguez, Celanova, Cedeira, Foz, O Carballiño, O Grove e Ortigueira.
 
A primeira sesión da nova carteleira terá lugar o sábado, ás 18.30 horas, na Casa da Cultura de Verín co filme galego-cubano de animación ‘Maimiño e o espello máxico’, unha coprodución da compañía Ficción e o Instituto Cubano del Arte e Industria Cinematográficos (ICAIC) con Ernesto Padrón na dirección. Dirixida ao público infantil e familiar, esta película é unha adaptación libre do famoso conto popular.
 
Tamén o sábado, o Auditorio Municipal de Cariño acollerá ás 19.30 horas o pase da ópera prima do realizador Simón Casal, ‘Lobos sucios’, coprodución de Agallas Films coa empresa belga Dream Team Concept Ventures. Baseada en feitos reais, a historia sitúase nos anos 40 nas minas ourensás de volframio explotadas polos nazis.
 
Terceira edición
Con este segundo período de programación, serán un total de 90 as sesións que se terán ofrecido durante esta terceira edición de Cinemas de Galicia, que deu comezo cunha primeira carteleira de 45 proxeccións entre os pasados meses de marzo e xuño.
 
Este ano mantense o mesmo dobre obxectivo co que esta rede botou a andar como experiencia piloto en 2014: incrementar o número de salas cinematográficas da Comunidade e ofrecerlles novas posibilidades de distribución aos filmes galegos que se atopan en fase de explotación comercial. Ao tempo, o circuíto contribúe a fomentar o hábito de ver cinema en pantalla grande, funcionando como complemento á actual oferta das salas comerciais, así como ao labor de difusión e de creación de públicos que tamén desenvolven os diferentes cineclubs galegos.
 
Os programadores dos 10 municipios participantes foron os encargados de compoñer cada carteleira local a partir dunha nova versión do catálogo de películas dispoñibles confeccionado pola Agadic e coa condición de dedicarlle ao cinema galego cando menos a metade da súa selección. A nova oferta conta cun total de 42 títulos: 29 producións con participación galega e 13 destacados filmes do actual panorama cinematográfico español e europeo.
 
As películas galegas desta escolma son: '9 ondas', 'A árbore magnética', 'A arca de Noé', 'A cicatriz blanca', 'A praia dos afogados', 'A Tropa de Trapo na selva do arco da vella', 'A viaxe de Leslie', 'A viaxe dos Chévere', 'Arraianos', 'As altas presións', 'Costa da Morte', 'En todas as mans', 'Encallados', 'Funes, o inventor da Lúa', 'Inevitable', 'Lobos sucios', 'Maimiño e o espello máxico', 'Meigallos', 'Noite ¿de paz?. Holy Night!', 'O clube dos incomprendidos', 'O instante eterno', 'O ouro do tempo', 'O raio', 'Os días afogados', 'Os fenómenos', 'Os incribles', 'Piedad', 'Schimbare' e 'Torre de Breoghán'.
 
A programación actualizada, o catálogo e as fichas das películas están dispoñibles para a súa consulta no web www.agadic.info/cinemasdegalicia.