A Xunta apoia a promoción de 'María (y los demás)' na súa estrea internacional no Festival de Cine de San Sebastián

  O Kursaal acolle mañá o primeiro pase desta coprodución da compañía compostelá Frida Films con Avalon, ópera prima de Nely Reguera con Bárbara Lennie no papel protagonista

  Rodada integramente en Galicia e subvencionada pola Agadic, é a única película española a competición no apartado Nuev@s Director@s do Zinemaldia, que exhibirá ‘Toro’ dentro da sección Made in Spain

  Proxectarase en outubro no encontro coreano de Busán, que tamén seleccionou ‘Mimosas’ e se suma á destacada listaxe de festivais internacionais nos que o audiovisual galego conta con representación en 2016

 A Xunta apoia a promoción de 'María (y los demás)' na súa estrea internacional no Festival de Cine de San Sebastián
[17/09/2016]
O Festival de San Sebastián acolle mañá no Kursaal a estrea internacional de ‘María (y los demás)’, coprodución da galega Frida Films coa madrileña Avalon rodada na provincia da Coruña. A Xunta está a apoiar a promoción nesta mostra da ópera prima de Nely Reguera, única fita española a competición na sección Nov@s Director@s.

Tras este primeiro pase, que terá lugar ás 21.30 horas, a difusión do filme reforzarase cunha recepción á prensa especializada, axentes de vendas e programadores de encontros internacionais, que terá lugar no Gu San Sebastián do Náutico. Será un acto promovido por Frida Films e Avalon xunto coas dúas entidades públicas que subvencionan a película: a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), da Consellería de Cultura e Educación, e o Instituto de la Cinematografía y de las Artes Visuales (ICAA), do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte. Ademais, a nosa gastronomía estará  presente en colaboración con Galicia Calidade para a degustación de produtos do noso país.
 
Equipo galego
A película, que tamén conta coa participación de Televisión de Galicia, foi rodada en diferentes localizacións da Coruña, Carballo, Culleredo e Arteixo. Con Luisa Romeo na produción executiva e Sergio Frade na dirección de produción, no equipo do filme figuran outros destacados profesionais galegos como José Ángel Egido, María Vázquez, Miguel de Lira ou Xulio Abonjo no reparto, Susana Veira e Beatriz Antelo na maquillaxe e perruquería, Aránzazu Domínguez en vestiario e Nico Casal na composición musical, entre outros.
 
Bárbare Lennie dá vida a María nesta comedia dramática, na que a protagonista intenta loitar contra o medo ao fracaso e a súa personalidade responsable e controladora na procura de cambiar un destino que ata ese momento estaba vinculado ao seu papel como alicerce familiar.
 
Xunto con esta longametraxe, da que se ofrecerán outros dous pases os días 19 e 20, en San Sebastián proxectarase ‘Toro’, do director Kike Maíllo e con participación da produtora galega Zircozine, dentro da carteleira da sección non competitiva ‘Made in Spain’.
 
Seleccións de prestixio
O filme de Nely Reguera tamén ten confirmada a súa exhibición en outubro no Busan Internacional Film Festival de Corea, que seleccionou outra película con participación galega: ‘Mimosas’, de Oliver Laxe. O encontro coreano súmase deste xeito á destacada listaxe de mostras internacionais que este ano contaron ou contarán con representación do audiovisual galego e entre as que se atopan citas tan prestixiosas como Cannes, Toronto, Montreal, Locarno, Annecy, Nova York, Bos Aires, Sitges, Málaga ou o propio Festival de San Sebastián.
 
Por exemplo, a devandita ‘Mimosas’, de Zeitun Films e gañadora do premio da Semana da Crítica na súa estrea en Cannes, acaba de celebrar a súa ‘première’ americana no Toronto International Film Festival (TIFF). Tamén estivo presente en Cannes, na Quincena de Realizadores, a curtametraxe animada ‘Decorado’, de Alberto Vázquez, quen viaxou ademais ao festival de animación de Annecy (Francia) con este traballo e coa longa ‘Psiconautas’, unha coprodución de Zircocine con Basque Filme que codirixiu con Pedro Rivero.
 
Pola súa banda, a coprodución galego-uruguaia ‘Migas de pan’, de Manane Rodríguez, tivo a súa estrea o pasado mes de agosto no festival de Montreal, mentres que ‘Toro’ e o documental ‘Angélica (una tragedia)’, de Manuel Fernández-Valdés, se presentaron en abril no festival de Málaga e no Bafici de Bos Aires, respectivamente, e ‘Sicixia’, de Ignacio Vilar, farao en novembro na sección oficial do Festival Cinespaña de Tolouse.
 
A meirande parte destas longametraxes contaron con subvención da Xunta a través da liña de axudas a producións e coproducións audiovisuais da Agadic, ademais de formar parte do catálogo promocional ‘Films from Galicia’ que se distribúe nos principais mercados internacionais do sector.
 
Curtametraxes
Tamén é sobresaínte o percorrido internacional de numerosas curtametraxes de realizadores galegos, como Keyna Espiñeira con ‘Tout le monde aime le bord de la mer’ (International Film Festival Rotterdam e Hog Docs Canadá), Santos Díaz con ‘A liña política’ (Locarno), Olga Osorio con ‘Einstein-Rosen’ (Festival Internacional de Cine Fantástico de Sitges) ou Helena Girón, quen asina xunto a Samuel Delgado ‘Montañas ardientes que vomitan fuego’ (New York Film Festival).

-Festival de Cine de San Sebastián

-María y los demás