O Centro Coreográfico Galego leva a Vigo a súa interpretación contemporánea de 'As catro estacións'

  O Teatro Afundación ofrece mañá sábado, ás 20.30 horas, o novo espectáculo da compañía pública, dirixido por Mercedes Suárez e con coreografías de Kenneth Tindall e Iker Gómez a partir da composición de Antonio Vivaldi

  A produción continuará a súa xira galega ata primeiros de decembro, con funcións programadas en Rianxo, Vilagarcía, Ourense, O Barco, Pontevedra e Santiago

O Centro Coreográfico Galego leva a Vigo a súa interpretación contemporánea de 'As catro estacións'
[23/09/2016]
Vigo será mañá a primeira parada da xira de ‘As catro estacións’, a nova produción do Centro Coreográfico Galego (CCG) que, desde a danza, lle achega ao público unha ollada contemporánea da composición clásica de Antonio Vivaldi. O Teatro Afundación acollerá ás 20.30 horas este espectáculo coreografiado por Iker Gómez e Kenneth Tindall.

Tras a súa presentación en Vigo, ‘As catro estacións’ continuará a súa viaxe por diferentes escenarios galegos, con funcións programadas en Rianxo (28 de outubro), Vilagarcía de Arousa (12 de novembro), Ourense (19 de novembro), O Barco de Valdeorras (25 de novembro), Pontevedra (26 de novembro) e Santiago de Compostela (do 1 ao 3 de decembro).
 
A responsable do Centro Coreográfico, Mercedes Suárez, asumiu a dirección desta nova produción co obxectivo de continuar a difundir a danza entre o gran público. Para isto, nesta ocasión propón unha recreación da popular obra de Vivaldi, coa que se establece un paralelismo coa paisaxe galega a través das coreografías deseñadas e das imaxes que se proxectan no escenario.
 
Elenco
As bailarinas Ailén Ramos, Inés Vieites, Elena Roses e Raquel Santacruz, e os bailaríns Juan Miguel Hernández, Víctor Molina, Pastor R. Feal e Pablo Aradillas conforman o elenco seleccionado a través dunha convocatoria pública de audicións. O corpo de baile preparou este espectáculo xunto aos creadores das catro coreografías que o integran: o director e videocreador vasco Iker Gómez, colaborador habitual no programa formativo do CCG e titular da súa propia compañía de danza; e mais o británico Kenneth Tindall, un dos valores emerxentes na creación coreográfica internacional, como demostra a súa recente designación nos Dance Awards Critics Circle.
 
Gómez asina as variacións de ‘Primavera’ e ‘Inverno’, en tanto que Tindall asumiu as de ‘Verán’ e ‘Outono’. Outros membros do equipo artístico son Christelle Horna como repetidora, Alberto Casas no deseño de luces, Antonio Cid no vídeo e Manuel Lemos no deseño e fotografía. Tanto o son do espectáculo como a produción e a realización do vestiario foron levadas a cabo polo persoal propio do Centro Coreográfico Galego.
 
Venda de entradas
As entradas para asistir á función de mañá en Vigo poden adquirirse na billeteira electrónica de Ataquilla, así como no despacho de billetes do Teatro Afundación nos seus horarios habituais.

-Máis información no web do Centro Coreográfico Galego